O Sergas conclúe a renovación das unidades móbiles de resonancia magnética
O Sergas conclúe a renovación das unidades móbiles de resonancia magnética
Cun investimento total de 4 millóns de euros, incorporan tubaxes con máis diámetro que melloran a comodidade e benestar dos pacientes
Desde 2006, estas unidades fixeron 230.000 resonancias nos sete hospitais comarcais
Cun investimento global de catro millóns de euros, o Sergas dá por concluída a renovación dos equipos móbiles de resonancia magnética que dan servizo nos hospitais comarcais. O último deses equipos incorpora Intelixencia Artificial para aumentar a calidade das imaxes. A renovación buscou tamén a mellora no confort dos pacientes.
"A resonancia magnética é unha proba que pode provocar certa claustrofobia, porque o imán adoita ser estreito. Este equipo ten un diámetro un pouco máis amplo, dez centímetros, que se nota moitísimo cando se fai a proba, porque a sensación de confortabilidade é moito máis alta", explicou Xulio García Comesaña.
O conselleiro de Sanidade visitou unha das tres novas unidades de resonancia magnética, que inclúe os últimos avances técnicos en Intelixencia Artificial para mellorar a imaxe diagnóstica. Está nove días deste mes no hospital do Salnés para atender a axenda do centro. O Barbanza, Cee, Burela, Monforte, Verín ou Valdeorras traballan co mesmo sistema.
"Esta mecánica leva desde 2006 utilizándose e levamos máis de 230.000 exploracións feitas nos hospitais comarcais. É un servizo pioneiro que creo que non hai en ningún servizo de saúde", asegurou o Conselleiro de Sanidade, Xulio García Comesaña.
Explicou que estas unidades conseguen o dobre obxectivo de achegarse os usuarios e reducir a pegada de carbono, porque aforran as viaxes aos grandes hospitais.
Cada unidade leva un técnico e unha enfermeira, e un equipo coas mesmas prestacións tecnolóxicas que o de calquera hospital. Os radiólogos do servizo informan dos estudos e intégranos na historia clínica dixital para que sexa accesible a todos os facultativos que realizan o tratamento.