Sanidade inicia este luns a vacinación infantil contra o virus da bronquiolite
Sanidade inicia este luns a vacinación infantil contra o virus da bronquiolite
Prevé inmunizar máis de 15.000 nenos e nenas
O virus respiratorio sincitial é un clásico na asistencia pediátrica no outono-inverno. O 85 % dos casos danse entre setembro e febreiro e son a causa do 70 % das bronquiolites e das infeccións respiratorias do tracto inferior.
O anticorpo que se lles empeza a administrar desde este luns á poboación infantil en Galicia busca previr os cadros graves e os ingresos.
"O que vai facer é darlles aos nenos defensas fronte ao virus. Evidentemente, pódense infectar, si, pero van ser casos máis leves", explica a presidenta da Sociedade Galega de Pediatría.
Susana Rey subliña que é unha protección cunha seguridade e eficacia avaladas.
"Especialmente é importante nos nenos sans menores de seis meses, xa que as complicacións e os ingresos ocorren sobre todo nos menores de 3 meses", puntualiza.
O Sergas prevé vacinar máis de 15.000 nenos e nenas.
"Galicia creo que dá un exemplo ao mundo, porque é pioneira nesta inmunización", destaca Susana Rey.
A presidenta da Sociedade Galega de Pediatría aconsella que os cativos sexan vacinados tamén contra a gripe. Subliña que aínda que adoitan cursar cadros leves, son os transmisores por excelencia dos virus.
"A protección dos nosos nenos significa a protección da saúde de toda a comunidade", afirma.