O Sergas usa por primeira vez o brazo robótico para a cirurxía ortopédica
O Sergas usa por primeira vez o brazo robótico para a cirurxía ortopédica
O novo robot iniciou a súa andaina coas próteses de xeonllos, unha das intervencións máis frecuentes en traumatoloxía
Vén completar a oferta xa existente deste tipo de tecnoloxía en diversas especialidades cirúrxicas nas áreas sanitarias galegas
O Sergas aposta pola robotización dos quirófanos e acaba de realizar por primeira vez intervencións co robot de última xeración para cirurxía ortopédica nas áreas sanitarias de Santiago, da Coruña e de Vigo. Os profesionais sanitarios efectuaron implantes de prótese de xeonllo e o resultado das intervencións, en palabras dos especialistas, foi todo un éxito.
"Era un reto de futuro que se converteu en presente, que nos permitiu gozar dunha cirurxía robótica de xeonllo que saíu moi ben e esperemos que o doente recupere rápido", di José Ramón Caeiro, xefe do servizo de traumatoloxía da área sanitaria de Santiago.
A cirurxía co brazo robótico no campo da ortopedia e da traumatoloxía permite mellorar a precisión intraoperatoria, acurta o tempo en quirófano e diminúe as complicacións principais. A recuperación do paciente é tamén máis rápida.
"Permite realizar unha valoración das partes brandas, que se realiza de xeito intraoperatoria, e reducir as principais complicacións", engade Enrique Fernández, xefe da unidade de xeonllo do CHUS.
"É menos trauma cirúrxico e iso vai repercutir nunha mellora funcional do paciente e unha alta hospitalaria máis precoz", destaca a anestesista Sabela del Río.
O Sergas aposta así novamente pola cirurxía robótica.
"Queremos que o programa de robótica sexa un programa corporativo de todo o Sergas, que estea a disposición de todos os galegos", di Jorge Aboal, director xeral de asistencia sanitaria do Sergas.
Este novo sistema vén completar a oferta xa existente cos robots Davinci nas sete áreas sanitarias galegas para diversas especialidades cirúrxicas.