O sorteo do Euromillón deixa un premio millonario en Ourense
O sorteo do Euromillón deixa un premio millonario en Ourense
Unha longa ringleira ocupaba hoxe as portas da administración, situada en pleno centro de Ourense
Unha aposta de cinco euros para un premio dun millón. É a boa nova coa que hoxe dan a benvida aos seus clientes nunha céntrica administración de lotería na rúa do Paseo de Ourense. Nada se sabe polo de agora do agraciado ou agraciada no último sorteo do Euromillón, pero din que nada se consegue sen intentalo, así que hoxe moitos seguen a probar sorte. Non faltan os parabéns para a propietaria da administración e o soño de entrar algún día nese grupo de afortunados a quen lles sorriu a sorte.
Inés dividíase hoxe entre atender os medios e responder aos moitos parabéns que recibía dos seus clientes.
"É a primeira vez que dou un premio dende que estou eu á fronte da administración hai oito anos, e teño os pelos de punta", apunta Inés Pérez, propietaria da administración Nº1.
Nada menos que un millón de euros deixou aquí o último sorteo do Millón, que vai asociado ao do Euromillón cada martes e venres.
"Consiste en acertar unha serie de letras e números que da a máquina a sorteo. É un xogo asociado o do Euromillón", explica Inés Pérez.
Non parece sinxelo, esa é a verdade, pero o caso é que así foi. E cunha aposta de tan só cinco euros
"E levan esa cantidade, que bo! Eu xogo todas as semanas, pero teño a ilusión e a esperanza de que algún día me toque algo, con iso xogo".
"É impresionante, a todos os que xogan ver iso ten que lles facer ilusión, oxalá algún día nos toque a nós".
"Pois levantouse con bo pé."
Non fomos quen de dar co afortunado ou afortunada que hoxe espertou cun millón de euros á súa disposición, pero si con moitos que non perden a esperanza de conseguir que a sorte se poña algún día ao seu carón.
"Se me tocase a min, volveríame tola. Vou intentar ver se gaño antes un belisco".
"Caramba, se me toca a min... para iso xogamos, eh?".
"Meu Deus, un millón! A ver se nos toca un belisco!".
Unha longa ringleira ocupaba hoxe as portas da administración, situada en pleno centro de Ourense. Todos á procura dunha sorte que pode estar a volta da esquina.