Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo confirma o procesamento de Puigdemont por malversación e desobediencia

O Supremo confirma o procesamento de Puigdemont por malversación e desobediencia

O alto tribunal rexeitou os recursos de apelación de Puigdemont e dos exconsellers Antonio Comín, Clara Ponsatí e Lluis Pui

G24.gal 15/06/2023 11:45

O Tribunal Supremo confirmou o procesamento do expresident catalán Carles Puigdemont por malversación agravada e desobediencia, tras a reforma do Código Penal impulsada polo Goberno, que derrogou a sedición.

A Sala de Apelación do alto tribunal rexeitou os recursos de Puigdemont e dos exconsellers Antonio Comín, Clara Ponsatí e Lluis Puig contra a decisión de manter o seu procesamento, acordada polo maxistrado Pablo Llarena.

E fixo o mesmo co recurso de Vox, que exerce a acusación popular, que pedía engadir o delito de desordes públicas agravadas en substitución do delito de sedición, derrogado pola reforma, por entender que os elementos de ambos os tipos penais son distintos.

"Os procesados despregaron e impulsaron unha desobediencia civil e unha insurrección institucional orientada a alterar a orde constitucional, sen ningunha chamada á violencia, non unhas desordes públicas por medio da violencia", di a Sala.

Os maxistrados seguen así a liña fixada polo tribunal que xulgou os líderes independentistas, que hai uns meses rexeitou cualificar os feitos como desordes públicas e explicou que a reforma da malversación non altera o procesamento por este delito nin cabe incluír os feitos nos novos subtipos atenuados fixados, que se cometen cando non existe ánimo de lucro.

Na vista de apelación, a defensa do expresident pediu anular as ordes nacionais de detención e revogar o procesamento de Puigdemont e dos exconsellers para "que se adapte o procedemento á realidade xestada polo poder executivo e lexislativo", porque "ningún é responsable do desaguisado dunha reforma penal deplorable".

Na súa opinión, o auto de procesamento quedara "desfasado" e obsoleto debido ao "transcurso do tempo e algúns feitos" tales como a sentenza do procés e a reforma penal que derroga a sedición e modifica o delito de malversación, que situou este procedemento "nun escenario de envurullo procesual".

Pero a Fiscalía respondeu que o único que pretendían os rebeldes é "enlear máis procesualmente o asunto para seguir presentando novas batallas" nos tribunais cando "todo este atoamento procesual non foi obra do tribunal, nin da Fiscalía nin da Avogacía, foi obra dos recorrentes". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade