O taxi sobe en Lugo despois de nove anos sen actualización de tarifas
O taxi sobe en Lugo despois de nove anos sen actualización de tarifas
O maior incremento é para a baixada de bandeira, que sobe un 99 %, ata situarse nos 3,75 euros
O taxi encarece na cidade de Lugo. As tarifas estaban sen revisar dende o ano 2013. O maior incremento é para a baixada de bandeira, que sobe un 99 %, ata situarse nos tres euros con setenta e cinco céntimos.
"Facía falta, sobre todo tal e como está o combustible. Isto a base de horas vas sacando un soldo, pero un pouco máis agradécese", di un taxista.
Os profesionais din que os clientes apenas o van notar, salvo que o traxecto sexa moi curto.
"Sobe a baixada de bandeira, pero logo percorres un quilómetro setecentos metros sen cobrar nada", di outro taxista.
Son eses pequenos traxectos os que, segundo os taxistas, transmiten a impresión de que o servizo en Lugo é caro. " Na Coruña teñen a baixada de bandeira en catro euros, pero é que aquí temos servizos moi curtos e non compensa se non."
Entre os clientes hai quen opina que os prezos están dentro do habitual. Quen lle parece caro e en xeral, comprensivos, tendo en conta a escalada xeral de prezos. Nesta revisión de tarifas suprímese o complemento de estación.