Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TC declara inconstitucional que Galicia limite a 15 anos a actuación contra obras ilegais na costa

O TC declara inconstitucional que Galicia limite a 15 anos a actuación contra obras ilegais na costa

O Tribunal Constitucional declara nulos artigos sobre esta cuestión da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para o ano pasado

Tras cumplir o prazo de restitución, estas obras podían regularizarse

Imaxe de arquivo
G24.gal 08/05/2024 16:46 Última actualización 08/05/2024 21:01

O pleno do Tribunal Constitucional (TC) declarou inconstitucionais e nulos os artigos da lei de acompañamento aos orzamentos galegos para 2023 que limitan a 15 anos o prazo de actuacións contra obras ilegais na costa.

Deste xeito, estima o recurso de inconstitucionalidade presentado en setembro de 2023 polo Goberno central contra os artigos 10 e 11 e a disposición transitoria primeira da Lei 7/2022, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A maxistrada Laura Díez Bueso foi a relatora.

Os artigos limitaban a un prazo de 15 anos o prazo de obriga para restituír obras ilegais en zona de dominio público na costa e abrían a porta á súa regularización tras ese período, o que choca coa lexislación estatal.

O artigo 10.1 reducía a 15 anos o prazo da Administración para impoñer a obrigación de restituír ao seu estado anterior obras e actuacións ilegais realizadas na zona de servidume de protección de costas. O motivo da declaración de inconstitucionalidade é que esta acción da Administración non está suxeita a ningún prazo na Lei de costas.

O artigo 11 declárase inconstitucional por reproducir o contido da Lei de Costas (artigo 95.1), sen cumprir cos requisitos esixidos para iso pola doutrina constitucional. A sentenza considera que a reprodución non tiña por finalidade facilitar a comprensión da lexislación autonómica de desenvolvemento e, ademais, introducía alteracións respecto do contido da lei estatal.

Pola súa conexión con estes preceptos, a sentenza declara tamén inconstitucionais e nulos os artigos 10.1, parágrafo segundo, 10.210.3 e a disposición transitoria primeira.

Pola súa banda, o maxistrado Enrique Arnaldo Alcubilla anunciou a formulación dun voto particular a esta decisión do Tribunal Constitucional.

Esta decisión chega despois da recente sentenza do Tribunal Constitucional que avala por unanimidade a lei galega de litoral despois de que o Goberno central presentase recurso contra diversos preceptos.

A Xunta sostén que o fallo do TC terá unha "incidencia mínima".

Segundo trasladan fontes da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas a Europa Press, a normativa afectaba a "moi poucos expedientes" e "o único obxectivo que perseguía era dar seguridade xurídica para eses casos puntuais". Asegura que se perseguía tamén "obrigar á administración para ser máis rápida".

Así mesmo, apunta que a Xunta aínda non dispón da sentenza, polo que na comunicación realizada polo TC este mércores "parece afirmar que só o Estado pode establecer un prazo como norma básica e non as comunidades". "Por tanto, solicitamos ao Estado que regule para todo o país, dando seguridade xurídica e un prazo común".

"Entre os artigos anulados atópase aquel que establecía un prazo de incoación de expediente para a reposición da legalidade das edificacións situadas en zona de servidume de costas. A intención do Goberno galego en todo momento é xerar seguridade xurídica a aquelas construcións edificadas fai máis dunha década", asegura.

"Non podemos esquecer que o prazo de caducidade de acción para iniciar expediente de reposición de legalidade urbanística na nosa normativa e comparadas é de seis anos desde a total terminación", agrega. Por iso, avisa de que "a anulación destes preceptos afectará a edificacións que leven no noso territorio máis de 35 anos (poucos casos), o que pode alterar o principio fundamental de seguridade xurídica da propiedade".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade