O tostado, unha xoia dos nosos viños
O tostado, unha xoia dos nosos viños
Para elaborar cada litro de viño tostado precísanse arredor de dez quilos de uva
Trátase dunha tradición de séculos no Ribeiro. A elaboración do viño tostado implica un proceso longo e laborioso.
Tras a vendima as uvas trasládanse a sequeiros para facilitar a súa pasificación. Aquí están un mínimo de tres meses, outros seis na barrica, e tres mais de crianza nas botellas que saen finalmente o mercado.
Para elaborar cada litro de viño tostado precísanse arredor de dez quilos de uva.
O 2019 saíron as primeiras botellas de viño tostado nesta adega de Astariz, toda unha homenaxe a historia desta comarca do Ribeiro.
"O viño tostado sempre foi un viño vinculado a familias nobres, porque facían viño tostado aquelas familias que podían gardar parte da súa uva para facer esta elaboración. Estaba considerado como un dos mellores viños que había na casa e era como unha moeda de pago cando se lle quería pagar a un médico, a un avogado, ou era o dote das fillas cando casaban, sempre foi un viño vinculado a estes momentos especiais", apunta Dori Rodríguez, de Adegas Celme.
Esta é unha das poucas adegas do Ribeiro en que elaboran viño tostado. Un proceso laborioso que aquí fan ademais de xeito ecolóxico.
"Consiste primeiro en pendurar todos os acios, un a un no noso caso. En total son uns dez mil acios que penduramos durante tres, catro ou cinco días. Despois ten un proceso de secado nun lugar a cuberto con ventilación natural durante un mínimo de tres meses pero que no noso caso poden ser ata seis. Unha vez finalizado o proceso de secado, a uva está pasificada, iso descolgámolo, seleccionámolo ben, e con iso facemos un viño doce. Despois, á súa vez, pasa oito meses en barrica e un ano en botella ata saír o mercado", explica Jorge Alonso, de Adegas Celme.
O tostado non pode elaborarse todos os anos, porque depende da cantidade e a calidade da uva de cada colleita. A última vez foron quen de sacar a venda 327 botellas. Este ano van colgar mil quilos de uva godello para facer uns cen litros de tostado.
"Para nós é patrimonio cultural, inmaterial, é algo que temos que conservar, cunha elaboración única que nos fai diferentes e isto hai que facelo si ou si. A xente ten moito interese en coñecer este tipo de elaboracións que son únicas e que non se fan practicamente en ningún outro lugar do mundo", di Jorge Alonso, de Adegas Celme.
Teñen meses de traballo por diante para darlle vida e manter a tradición desta pequena xoia dos nosos viños.