O Tribunal Superior suspende outros seis parques eólicos en Galicia
O Tribunal Superior suspende outros seis parques eólicos en Galicia
Con estes son case medio cento os parques paralizados cautelarmente pola xustiza
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia suspende cautelarmente outros seis parques eólicos ante o risco de que a súa construción cause danos irreversibles ao medio ambiente.
Trátase dos parques Alvite II -en Mazaricos, Negreira e Santa Comba (A Coruña)-; Valdepereira -en Lalín (Pontevedra) e O Irixo (Ourense); Coto Loureiro -na Laracha e Cerceda (A Coruña); Estivada -en Agolada (Pontevedra) e Antas de Ulla (Lugo)-; Piago -en Cervo, Xove, Viveiro e Valadouro (Lugo)- e Feás, en Aranga e Coirós (A Coruña).
Nos seis casos analizados, a sala ve acreditado os prexuízos que as instalacións poderían ocasionar a valores ambientais sensibles, así como a presenza nesas zonas de especies vulnerables ou en perigo de extinción.
No auto relativo a Coto Loureiro, por exemplo, recalca que queda indiciariamente acreditada a presenza do lobo na contorna e a ausencia de "accións previas que salvagarden as zonas de encame ou de encontro".
Sobre a solicitude sobre o de Piago ve indiciariamente probada "a afectación visual e paisaxística", tanto á rede Natura 2000, de protección ambiental da Unión Europea, como ás "áreas de especial protección da paisaxe".
Respecto ao parque eólico Alvite II, considera que a declaración de impacto ambiental por parte da Xunta "contempla como hipótese que a captación de augas, da que se abastecen algunhas das casas relacionadas no informe pericial da demandante, si poden ser afectadas polas obras".
En canto a Valdepereira, o TSXG indica que a distancia á que se proxectan construír as instalacións eólicas é "susceptible de ocasionar unha perturbación significativa sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais".
O alto tribunal galego suspendeu ata o momento 49 parques eólicos.