Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TSXG pide ao Tribunal da UE que acelere a cuestión sobre as autorizacións dos eólicos

O TSXG pide ao Tribunal da UE que acelere a cuestión sobre as autorizacións dos eólicos

Pretenden determinar se a Xunta debeu poñer a disposición pública os informes sectoriais sobre parques eólicos

Na actualidade existen 202 litixios sobre as autorizacións da construción de 82 parques eólicos en Galicia

Imaxe de arquivo dun parque eólico Imaxe de arquivo dun parque eólico
G24.gal 28/06/2024 17:27 Última actualización 28/06/2024 18:06

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia solicitou que se acelere o trámite prexudicial que expuxo ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea para que determine se a Xunta debeu poñer a disposición pública (non só dos promotores) os informes sectoriais sobre parques eólicos.

Eses informes sectoriais conteñen información sobre materia forestal, de augas, de patrimonio natural e cultural, de turismo, de saúde, de enerxía eléctrica e de seguridade aérea, entre outros, e permiten formular alegacións e participar no proceso de toma de decisión sobre as autorizacións dos proxectos antes de que fosen aprobados.

Entre os motivos para que se tramite como acelerado, a sección terceira da Sala do contencioso-administrativo do TSXG explica ao tribunal europeo, nun auto do 21 de xuño, que na actualidade existen 202 litixios sobre autorizacións de construción de 82 parques eólicos en Galicia, que se tramitaron de forma idéntica, seguindo o disposto en preceptos da lei estatal e autonómica galega.

Os xuíces advirten de que “ese número elevado de autorizacións en litixio ocasiona unha situación de profunda incerteza”, ao que engaden que a razón principal que xustifica a existencia do procedemento acelerado é a natureza do asunto litixioso, que neste caso versa sobre o medio ambiente.

Á espera de que se resolva a cuestión prexudicial, a Sala acordou suspender o litixio no que deberá decidir sobre a legalidade ou non da resolución da Xunta na que outorgou a Eurus Desenvolvementos Renovables as autorizacións administrativas previa e de construción do parque eólico A Raña III, en Mazaricos.

O TSXG considera que eses informes sectoriais achegan información esencial para calquera procedemento “que poida ter repercusións importantes sobre o medio ambiente”. Á vez, destaca que a Lei 21/2013 “non prevé un trámite posterior á recepción deses informes sectoriais no que se ofreza ao público interesado a posibilidade real de participar”.

O presidente do TSXG, José María Gómez y Díaz-Castroverde, sinalou que se presentou esta solicitude ao tribunal europeo porque é "consciente" de que hai case 200 asuntos sobre iso, polo que se recorreu ao "procedemento acelerado".

Á marxe diso, con moitos "intereses en xogo", demandou que se respecten as decisións xudiciais e "garantir a independencia" dos xuíces.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade