Publicador de contidos
Publicador de contidos

O TSXG revoga a indemnización á familia do segundo patrón do Mar de Marín e exonera a armadora

O TSXG revoga a indemnización á familia do segundo patrón do Mar de Marín e exonera a armadora

Apunta que a colisión co mercante Baltic Breeze foi atribuíble unicamente ao erro do mariñeiro

Operación de busca dos mariñeiros do Mar de Marín na ría de Vigo en 2014 Operación de busca dos mariñeiros do Mar de Marín na ría de Vigo en 2014
EP 06/06/2024 13:18

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) estimou un recurso de suplicación interposto pola armadora do pesqueiro Mar de Marín, afundido na madrugada do 1 de abril de 2014 tras chocar contra o mercante Baltic Breeze na entrada da ría de Vigo, e revogou a decisión dun xulgado do Social de que a armadora indemnizase a viúva e aos dous fillos do segundo patrón do pesqueiro, que era quen estaba ao mando cando se produciu o naufraxio.

O Xulgado do Social 1 de Pontevedra condenara  á armadora para compensar á viúva e aos dous fillos en cantidades que suman case 23.000 euros, en base a unha deficiente avaliación de riscos ou deficiente planificación preventiva.

Imaxe submarina do pecio do Mar de Marín Imaxe submarina do pecio do Mar de Marín

A armadora interpuxo recurso de suplicación o alto tribunal galego deulle a razón, lembrando na súa sentenza, de abril pasado, que foi o segundo patrón do Mar de Marín, que se atopaba pilotando o pesqueiro no momento do sinistro, o que incorreu nun erro que lle levou a invadir a canle de navegación do Baltic Breeze.

E iso a pesar das numerosas advertencias que recibiu por parte do Centro de Coordinación de Salvamento-Vigo Tráfico. De forma "inexplicable", e aínda a pesar deses avisos, o segundo patrón levou o barco cara a babor e acabouse producindo a colisión, de maneira que o Mar de Marín sufriu unha gran vía de auga que o levou a afundirse en poucos minutos. Neste naufraxio faleceron cinco dos dez tripulantes do pesqueiro.

Cargueiro Baltic Breeze danado tras o impacto co Mar de Marín Cargueiro Baltic Breeze danado tras o impacto co Mar de Marín

O TSXG lembra que o empresario non incorre en responsabilidade cando o resultado lesivo se produce por causa de forza maior ou fortuíta, por neglixencia exclusiva non previsible do propio traballador ou por culpa exclusiva de terceiros, non evitable polo empresario.

Nese sentido, tras sinalar que o xulgado do Social deu primacía certos informes periciais, o Tribunal Superior incide en que a decisión última de virar a traxectoria do barco é unicamente "achacable ao segundo patrón".

Así, sinala que este tripulante tiña os coñecementos necesarios para actuar, non atendeu aos requirimentos de Vigo Tráfico, e podería facer uso dos radares cos que contaba o pesqueiro, "polo que non se tornaba necesaria a avaliación adicional do risco de non contar coa visualización do sistema de navegación electrónico, nin era necesaria a planificación da forma de utilización alternativa doutros medios".

Por todo iso, estimou o recurso e revogou a sentenza recorrida, desestimando a demanda da familia e absolvendo á armadora. Contra esta sentenza do TSXG cabe interpoñer recurso de casación para unificación de doutrina.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade