O Villa de Pitanxo afundiuse ao parar o motor durante a virada do aparello
O Villa de Pitanxo afundiuse ao parar o motor durante a virada do aparello
A empresa armadora publica un comunicado coas causas do naufraxio
Os familiares e a armadora piden que continúe a busca dos desaparecidos
A Fiscalía acelerará ao máximo a declaración de falecemento dos mariñeiros do Pitanxo
O Villa de Pitanxo estaba pescando no momento do afundimento. Tiña as redes botadas e trataba de recollelas cargadas de peixe. É o que se chama virar o aparello. Durante a manobra, o barco está lixeiramente afundido de popa polo peso do pescado. É un momento delicado. E precisamente nese instante, o motor principal do barco deixou de funcionar.
Así o comunicou este luns a armadora, nunha nota en que por primeira vez e baseándose nas declaracións dos superviventes, informa sobre as causas do afundimento. Nela di que a parada do motor deixou o barco sen goberno, exposto ao vento e ás ondas, sufrindo golpes de mar que o escoraron e afundiron de xeito moi rápido.
Esta é a explicación que os armadores do buque comunicaron aos familiares dos mariñeiros.
"Están abertas moitas cousas referentes ás causas e responsabilidades que non eluden, pero agora mesmo a parte principal é reiniciar a busca, que tería que ser hoxe", di Xulio Torres, Pastor evanxélico de Marín, que acode en representación da familia do mariñeiro ghanés supervivente.
A armadora amosou o seu apoio ás familias reclamando que se retomen os labores de rescate dos corpos que aínda non apareceron. A busca, segundo confirmou o propio presidente do Goberno, retomarase en canto mellore o tempo.
"En canto melloren as condicións meteorolóxicas as autoridades canadenses axudarán na recuperación dos mariñeiros desaparecidos nesas costas", confirmou o presidente do Goberno Pedro Sánchez.
Os tripulantes que continúan desaparecidos son doce. A Fiscalía de Pontevedra abriu xa dilixencias de oficio para confirmar as súas identidades. Deste xeito queren axilizar as súas declaracións de falecemento, que deberán ser presentadas polas familias no Xulgado de Instrución de Marín.