Remata a campaña do 28M: Galicia renova o domingo os 313 concellos
Remata a campaña do 28M: Galicia renova o domingo os 313 concellos
O voto por correo cae un 16 % en Galicia
PPdeG, PSdeG e BNG centraron o peche nas cidades do Eixo Atlántico
As forzas políticas centraron os seus últimos actos de campaña nas cidades do eixo atlántico. O presidente dos populares galegos e titular da Xunta, Alfonso Rueda, percorreu Pontevedra, Vigo e Santiago para rematar en Ferrol para apoiar ao candidato José Manuel Rey Varela.
Tamén Ferrol, foi a cidade escollida polos socialistas para realizar o seu mitin de peche de campaña. Alí, ademais do secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, estivo a ministra de Defensa, Margarita Robles, para impulsar a candidatura do actual alcalde e candidato socialista, Ángel Mato. Betanzos foi a cidade elixida para o derradeiro acto.
Pola súa banda, a líder dos nacionalistas galegos, Ana Pontón, pechou a campaña electoral arroupando ao candidato do Bloque á alcaldía da Coruña, Francisco Jorquera. Fíxoo tras pasar antes por dúas das cidades onde o BNG se xoga manter a alcaldía, en Pontevedra e en Santiago de Compostela.
Peche de campaña dos líderes nacionais
Pedro Sánchez escolleu Barcelona para participar no último mitin electoral. Estivo acompañado polo expresidente Zapatero, polo líder do PSC, Salvador Illa, e polo candidato á alcaldía de Barcelona, Jaume Collboni.
Alberto Núñez Feijóo pechou a campaña en Madrid, nun acto no Pazo Municipal de Congresos con Isabel Díaz Ayuso e o candidato á alcaldía José Luís Martínez-Almeida.
Galicia renova os 313 concellos
Galicia xa comezou a decidir o nome dos seus futuros 313 alcaldes ou alcaldesas. 52.469 persoas xa votaron por correo. Son 10.000 menos que hai 4 anos, unha caída dun 16%.
Seguimos unha tendencia oposta á do resto de España, onde o voto adiantado aumentou respecto aos últimos comicios municipais. 2 de cada 3 sufraxios emitíronse na Coruña e Pontevedra, e 103 chegaron de persoas que están temporalmente no estranxeiro.
O resto dos 2.225.000 electores teremos que agardar ata as 9 da mañá do domingo para acudir a algunha das case 4.000 mesas electorais repartidas polo país. Algo máis terán que madrugar os 12.000 elixidos para estar ao outro lado das urnas.
Ademais da composición dos concellos, do que votemos o domingo dependerá o nome dos 108 deputados provinciais e dos 9 alcaldes pedáneos que aínda quedan en Galicia.
Hai 1.175 listas electorais en liza, e 161 partidos diferentes. Todo está no aire, incluído o tempo: case toda a comunidade vai estar por riba dos 20 graos, pero están previstos chuvascos e algunha que outra treboada.