Amnistía Internacional pide a liberación do xornalista vasco Pablo González
Amnistía Internacional pide a liberación do xornalista vasco Pablo González
González leva un ano encarcerado en Polonia en réxime de illamento á espera de que se celebre o xuízo
Amnistía Internacional confía na liberación de Santiago Sánchez, o único español encarcerado en Irán
Amnistía Internacional pídelle ás autoridades polacas a posta en liberdade do xornalista Pablo González, detido hai hoxe un ano a 13 quilómetros da fronteira con Ucraína cando facía o seu traballo como xornalista.
O portavoz de Amnistía Internacional, Carlos de las Heras, asegura que o dereito internacional humanitario avala a liberación de Pablo González, xa que "a lexislación internacional sobre Dereitos Humanos establece que todas as persoas deben ser informadas á maior brevidade dos motivos da súa detención e isto non foi así no caso de Pablo. De las Heras recoñece que a acusación de espionaxe por parte da Fiscalía polaca complica a súa situación.
"A acusación de espionaxe evidentemente complica a cuestión. Con todo, confiamos nunha pronta resolución e en que as autoridades españolas sigan traballando para esclarecer a situación de Pablo".
Dende Amnistía Internacional recoñecen estar "preocupados" polas condicións da detención de Pablo González. "A día de hoxe non se lle permite ter un contacto regular e directo coa súa familia, nin sequera por teléfono ou videochamada e durante este ano só puido ter a visita da súa muller o pasado mes de novembro".
Amnistía Internacional confía en que Irán libere ao madrileño Santiago Sánchez
Carlos de las Heras confía en que á liberación de Ana Baneira lle suceda en breve a posta en liberdade do madriñeño Santiago Sánchez, que permanece en prisión en Irán desde hai case cinco meses.
O voceiro de Amnistía Internacional considera que se dan as condicións propicias para o regreso de Santiago Sánchez, tanto pola aplicación do decreto de amnistía parcial do réxime iraniano como polas xestións do ministerio de Exteriores.
"É algo en que o Goberno español está traballando dunha forma prioritaria. Sabemos que está habendo contactos, que Santiago está tendo asistencia consular por parte das autoridades españolas alí en Irán.
Amnistía Internacional denuncia que máis de corenta menores de idade, nenos e nenas, morreron pola represión das protestas por parte das autoridades iranianas desde mediados de setembro pasado coa morte de Mahsa Amini. Segundo Carlos de las Heras, catro persoas xa foron executadas e catorce agardan que se execute a pena de morte que pesa sobre eles por participar nas protestas.
"A xente lanzouse á rúa. Pero non podemos esquecer que a sociedade iraniana leva moitos anos protestando, poida que non de maneira tan maioritaria como agora, pedindo liberdade, xustiza e o final da impunidade das forzas de seguridade iranianas".