O xuíz deixa en liberdade o agresor que mandou á UCI un xuvenil do C. D. Lugo
O xuíz deixa en liberdade o agresor que mandou á UCI un xuvenil do C. D. Lugo
O maxistrado impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima
O maxistrado do Xulgado de Instrución número 3 de Lugo decretou a posta en liberdade do mozo detido pola agresión que o pasado sábado mandou á UCI o xogador xuvenil do Club Deportivo Lugo Gonzalo Cuéllar, irmán de Jaume, integrante do primeiro equipo.
Trátase dun veciño da cidade, maior de idade e sen antecedentes policiais previos. O maxistrado impúxolle a prohibición de comunicarse e de aproximarse á vítima. Agora está investigado por un delito de lesións.
Por outra banda, o mozo xa saíu da Unidade de Coidados Intensivos do HULA e segue ingresado recibindo tratamento.
Detención nas últimas horas
A detención do sospeitoso produciuse a última hora da tarde do luns e, tras prestar declaración en dependencias policiais, pasou a noite no calabozo da comisaría provincial de Lugo. Será posto ao dispor da autoridade xudicial ao longo o día.
Os feitos producíronse o pasado sábado, na rúa dos Cregos, en pleno centro histórico da cidade, cando supostamente o mozo, que estaba acompañado por uns amigos, se viu envolto nunha discusión. Nun momento dado, recibiu unha puñada na cara, caeu e bateu coa cabeza contra o chan.