O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz empezará o 13 de setembro e durará un mes
O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz empezará o 13 de setembro e durará un mes
Serán xulgados os cinco maiores de idade implicados
Abordarase a cuestión de se actuaron ou non con motivacións homófobas e a de se foi un asasinato ou un delito de roubo con violencia
O xuízo polo asasinato de Samuel Luiz, contra os cinco maiores de idade implicados tras as condenas dos dous menores, empezará o 13 de setembro na Audiencia Provincial da Coruña e estenderase ata o 15 de outubro.
Nun auto divulgado este xoves polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia fíxase o día 12 de setembro para a selección do xurado e o 13 como primeira sesión polo asasinato ao mozo de 24 anos Samuel Luiz, producido o 3 de xullo de 2021 na Coruña.
O xuízo está previsto para estenderse entre o 13 de setembro e o 15 de outubro de luns a venres ás 9:45 horas cada día.
O auto expón 87 cuestións ás que deberán dar resposta, ás que se suman outras sete sobre o grao de execución do delito e a participación dos cinco acusados, Entre elas está determinar se foi un asasinato ou se houbo un delito de roubo con violencia, pola subtracción do móbil da vítima.
Outra das cuestións que se abordará é se dous dos acusados actuaron movidos por "a súa animadversión cara á orientación sexual homosexual que lle atribuíron á vítima". O xurado popular tamén deberá determinar se tres dos procesados estaban baixo os efectos do alcol ou as drogas, o que podería atenuar ou eliminar a súa responsabilidade penal.
A maxistrada decretou que procede admitir as probas propostas polas partes nos seus respectivos escritos de acusación e defensa, fóra dos informes policiais de visionado de imaxes e da chamada infografía forense coa correspondente reportaxe en vídeo, tal como determinara en maio o TSXG.
Tras a petición da defensa, catro dos procesados declararán ao final e só un falará ao principio. Este é Alejandro Míguez, que foi o último detido e está en liberdade xunto a Catherine Silva, a única muller implicada no caso. Os outros tres procesados continúan en prisión provisional, comunicada e sen fianza, na que se atopan desde xullo de 2021.
Por este caso xa están condenados os dous menores de idade que foron detidos no seu día, que aceptaron a súa participación no crime e chegaron a un acordo coa Fiscalía.