Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xulgado de Marín cre que a Audiencia Nacional é quen debe investigar o Villa de Pitanxo

O xulgado de Marín cre que a Audiencia Nacional é quen debe investigar o Villa de Pitanxo

A xuíza rexeita a inhibición acordada polo Xulgado Central de Instrución número 2, xa que entende que se trata de presuntos delitos cometidos fóra do territorio español

"Non o agardabamos, pero non queda outra solución que ter paciencia" din os familiares dos falecidos

G24.gal 22/04/2022 14:14 Última actualización 21:53

O Xulgado de Instrución número 2 de Marín rexeita a inhibición acordada polo Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional na causa relativa ao afundimento do buque Villa de Pitanxo. A xuíza entende que o partido xudicial de Marín “non é o órgano territorialmente competente para coñecer da instrución” do procedemento porque os supostos delitos que se investigan foron cometidos en augas internacionais, próximas á illa de Terra Nova, no Canadá.

Por iso, acordou a devolución das dilixencias ao Xulgado Central de Instrución número 2. Este na súa argumentación entendía que ao se cometeren os posibles feitos delituosos nun buque español, debe equipararse ao territorio nacional, e por iso remitía o caso ao xulgado de Marín, por ter o Villa de Pitanxo a súa base no se porto.

"Colleunos por sorpresa, pero non queda outra solución que ter paciencia", di a voceira das familias, María José de Pazo. "Queremos que empece a instrución pero sabemos que se non é en 15 días é nun mes. Seguimos confiando na xustiza", engade.

Ábrese desta maneira un conflito competencial entre os dous xulgados, xa que ningún dos dous parece querer facerse caso da instrución do caso. Pero incluso, se se atenten os argumentos da xuíza de Marín, o caso podería finalmente recaer nalgún outro xulgado.

Na resolución feita pública hoxe a maxistrada destaca unha resolución que o Tribunal Supremo, do ano 2001, cando resolveu unha cuestión de competencia entre dous xulgados de instrución (Noia e Torrelavega) por delitos supostamente ocorridos nun buque español afundido en augas internacionais. Segundo esa decisión do Supremo, asegura, “cabería estimar que a competencia nestes supostos lles corresponde aos Xulgados Centrais da Audiencia Nacional, por se tratar de delitos cometidos fóra do territorio nacional”.

Ademais, o Supremo engadiu que esa solución “ten as vantaxes da súa simplicidade e seguridade, evitando conflitos competenciais que ordinariamente levan consigo complexidade procedemental e innecesarias dilacións”.

A xuíza cre que esas vantaxes e simplicidade "deben ser especialmente valoradas á hora de atribuír a competencia para a instrución desta causa [...] polos medios dos que dispoñen os citados Xulgados Centrais de Instrución da Audiencia Nacional”. Sinala, ademais, que “non se coñece ningún precepto legal ou xurisprudencial” que identifique o feito de que o partido xudicial de Marín fose o porto base do buque “como un criterio de atribución da competencia territorial”.

A xuíza estima que, en caso de que a Audiencia Nacional non sexa competente, o partido xudicial de Marín tampouco “se atopa en situación de preferencia” para asumir a instrución fronte a outros xulgados, conforme os criterios de atribución establecidos no artigo 15 da Lei de axuizamento criminal.

Di que segundo eses criterios naqueles supostos nos que non conste o lugar onde se cometeu o delito, terase en conta, en primeiro lugar, o “termo municipal, partido ou circunscrición en que se descubriron probas materiais do delito”.

En Marín, asegura a xuíza, “non consta que se descubrisen probas materiais do delito”. Con todo, asegura que, segundo o atestado, o buque Playa Menduíña II, que acudiu ao rescate da embarcación sinistrada, recuperou “polo menos una das balsas do Villa de Pitanxo, encontrándonos ante un elemento que, de ser o caso, poderá ser obxecto de análise para pescudar as causas do sinistro”.

Ese efecto, afirma a xuíza, “non consta que fose recibido neste partido xudicial, malia que é coñecido que a embarcación Playa Menduíña II regresou a Galicia con tales efectos, sendo sinxelo para o instrutor da causa coñecer o lugar de recepción de tales efectos do delito e poder atribuír así, se é o caso, a competencia territorial”.  

Ademais, indica que, segundo sinala o Tribunal Supremo nese auto de 2001, o órgano competente para a instrución dun procedemento penal por delito cometido a bordo dun buque español en augas internacionais debe ser “o correspondente ao primeiro porto español de arribada”.

A xuíza incide en que “non consta a recepción no partido xudicial de Marín de elementos procedentes do buque naufragado e que poderían equipararse á citada referencia de porto de arribada, existindo outro partido xudicial onde si foron recibidos tales efectos”.

No auto tamén subliña que tampouco se cumpren o segundo nin o terceiro criterio do artigo 15 da Lei de axuizamento criminal para atribución das competencias (o termo municipal, partido ou circunscrición en que o presunto reo fose aprehendido ou o da residencia do reo presunto).

Así, fai referencia ao informe do Ministerio Fiscal no que asegura que hai elementos indiciarios para investigar o capitán. A xuíza indica que non consta que esa persoa que podería ser investigada na instrución penal teña a súa residencia no partido xudicial de Marín, senón no de Cangas.

Respecto ao cuarto criterio do artigo 15 da Lei de axuizamento criminal (calquera que tivese noticia do delito), recalca que o Xulgado de Instrución número 2 de Marín “non tivo formal coñecemento do delito, sendo a Audiencia Nacional a primeira en recibir a notitia criminis, pois no devandito lugar foi presentado o atestado da Comandancia da Garda Civil de Pontevedra por estimar o devandito órgano competente para coñecer da investigación da causa, ao sucederen os feitos en augas internacionais”.

Debido ao rexeitamento da inhibición, a letrada da Administración de Xustiza do Xulgado de Instrución número 2 de Marín emitiu hoxe unha dilixencia na que fai constar que non procede a tramitación dos escritos de comparecencia remitidos ao órgano galego polo Xulgado Central de Madrid.

Contra o auto no que o xulgado rexeita ser competente para investigar o afundimento do buque, o Ministerio Fiscal e as demais partes comparecidas poden presentar recurso de reforma, ante o propio órgano de Marín, ou de apelación, ante a Audiencia Provincial de Pontevedra.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade