Publicador de contidos
Publicador de contidos

O xulgado declara a matriz de Hiperxel en concurso voluntario de acredores

O xulgado declara a matriz de Hiperxel en concurso voluntario de acredores

Na resolución tamén se procedeu ao nomeamento da administración concursal

A crise económica, a caída do consumo de peixe e marisco conxelado e a imposibilidade de acceso a cartos nos mercados bancarios motivaron este desenlace 

G24.gal 28/04/2023 18:05

O Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra declarou en concurso voluntario de acredores a Xeldist Conxelados, matriz de Hiperxel, polo que as facultades de administración e disposición da compañía sobre o seu patrimonio quedaron intervidas.

A maxistrada recolle que, na súa solicitude de concurso, a empresa afirma que está en situación de "insolvencia" aínda que non solicita a apertura da fase de liquidación. Esa petición cumpre coas condicións e está acompañada dos documentos que require a lei concursal, polo que procedeu á declaración do concurso. Na resolución tamén se procedeu ao nomeamento da administración concursal.  

A xuíza indica que na memoria da historia xurídica e económica presentada pola compañía recóllese que a situación de insolvencia actual débese "á concorrencia de distintos factores", entre os que destacan "as causas externas do ámbito económico", como "a situación de crise con diminución da capacidade adquisitiva dos fogares, a caída gradual do consumo de peixe e marisco conxelado, e a imposibilidade de acceso a diñeiro novo nos principais mercados bancarios e financeiros".  

Entre os factores internos que levaron a firma a esta situación, a matriz de Hiperxel asegura que a fusión por absorción da sociedade Xeldist coa entidade Conxelados Cíes Noroeste, con incremento dos puntos de venda, "lonxe de producir sinerxías entre ambas as sociedades provocou que se lastrara a actividade da debedora con incremento de custos".  

A empresa tamén subliña entre outros motivos a caída das vendas motivada pola perda de confianza dos clientes, as dificultades de aprovisionamento ou a falta de liquidez, que reduciu o gasto de publicidade en campañas promocionais como medio para incrementar a clientela.

"En atención a todo o exposto, é obrigatorio concluír, co limitado alcance do coñecemento que é posible nesta fase procesual, que a solicitante se atopa en estado de insolvencia, polo que procede declarala en situación de concurso", sinalou a xuíza no auto.  

Contra a resolución cabe, por quen acredite interese lexítimo, recurso de reposición.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade