O xurado acusa de homicidio a Marcial Carreira no caso do crime de Toques
O xurado acusa de homicidio a Marcial Carreira no caso do crime de Toques
Ao seu curmán Luís Carreira Mejuto absólveo dos delitos de encubrimento e danos
O xurado popular declarou este mércores a Marcial Carreira Barral culpable dos delitos de homicidio e danos por matar o seu veciño Julio Lea Casal e despois levalo ao monte e prenderlle lume ao corpo. O xurado pronunciouse en contra de que se lle conceda o indulto.
Ao seu curmán Luís Carreira Mejuto declárano non culpable dos delitos de encubrimento e danos.
Os feitos ocorreron o 27 de marzo de 2019 en Toques.
Segundo os feitos acreditados no veredicto, sobre as cinco da tarde dese día, un veciño atopouse cun dos irmáns preto da casa de ambos e produciuse unha discusión en que a vítima recibiu tres golpes cun obxecto contundente, o cal lle provocou a morte.
O agora culpable de homicidio e danos trasladou o vehículo e o corpo do falecido a unha área forestal no lugar de Capela e alí prendeulle lume ao coche e ao cadáver, o cal ocasionou un incendio en que se calcinaron 35,22 hectáreas.
Absolto un dos irmáns de Toques
Un dos irmáns acusados quedou absolto este luns ao non incluílo o maxistrado no obxecto do veredicto entregado ao xurado.
A defensa deste acusado alegou que non existía proba de cargo que poida fundar unha condena. O argumento convenceu o maxistrado á hora de elaborar o obxecto do veredicto.
Por tanto, ao non incluírse nesta cuestión, queda automaticamente absolto, aínda que a decisión non é firme e contra ela cabe presentar recurso.
O obxecto do veredicto, en cambio, incluíu os feitos vinculados ao outro irmán e ao primo, para os que piden 18 e 6 anos de prisión respectivamente.
Tanto a Fiscalía como a acusación particular consideran que se probou que o 27 de marzo de 2019 os dous irmáns acusados mataron a golpes un veciño co que tiñan mala relación, levaron o seu cadáver ao monte e chamaron o primo para prender lume á zona e fuxir.
Por iso, piden 18 anos de prisión para o principal acusado, 15 polo homicidio e 3 polo incendio, e 6 anos para o primo, 3 por encubrimento e 3 polo incendio, tras eliminar a profanación de cadáveres, pois consideran que o lume só buscou camuflar o crime.
As defensas pediron a libre absolución.