Publicador de contidos
Publicador de contidos

Obradoiros de balde para celebrar os Días Europeos da Artesanía

Obradoiros de balde para celebrar os Días Europeos da Artesanía

O centro Ágora da Coruña acolleu Oficios en Acción, unha proposta da Asociación Galega de Artesáns

G24.gal 07/04/2024 08:18 Última actualización 07/04/2024 09:51

Nestes inicios do mes de abril celébranse os Días Europeos da Artesanía con moitas e moi diversas actividades de balde para achegarse á esfera da creación artesá. Galicia sumouse á festa con obradoiros e demostracións en directo.

O centro Ágora da Coruña acolleu a iniciativa Oficios en acción, unha ducia de actividades dirixidas por artesáns de diferentes disciplinas para achegar os seus oficios á cidadanía.

No obradoiro dirixido por María José Lois Vázquez, os aprendices deseñaron e confeccionaron coas súas propias mans un pequeno tapiz. Foron moitos os nenos e nenas que se animaron a participar nesta experiencia creativa.

"Están que non respiran, que non falan, moi concentrados. Cando se equivocan chámanme decontado porque queren facelo ben. Xogan coas cores, as texturas as formas", explica a tecelá pontevedresa.

Na aula contigua impartiuse un obradoiro de impresión téxtil seguindo unha técnica xaponesa denominada Hapa Zome, baseada na utilización de pigmentos das plantas.

Mario López impartiu outro de barro no que o obxectivo era construír un cunco tradicional nipón coa técnica kurinuki. Esta e todas as actividades de Oficios en Acción estiveron completas.

"Para nós é fundamental mostrar a diferenza que hai entre as cousas que facemos nós, como tratamos as materias primas e como aplicamos as técnicas que coñecemos e que nos diferencian doutro tipo de producións industriais", conta José Manuel Salvado Sanín, presidente da Asociación Galega de Artesáns.

Artesanía que perdura e que é sinónimo de orixinalidade e calidade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade