Oito meses fóra da súa casa tras a caída da vivenda lindeira
Oito meses fóra da súa casa tras a caída da vivenda lindeira
A familia, do Barco de Valdeorras, ten medo de regresar á casa
Viven con familiares e quéixanse de que non se fagan as obras para asegurar a zona que está protexida por Patrimonio
Teresa e o seu home, Alfonso, tiveron que deixar a súa casa no Barco de Valdeorras hai máis de oito meses. Abandonaron a vivenda tras a caída do inmoble lindeiro ao deles que estaba en estado ruinoso.
"Levamos 14 anos con denuncias e escritos ao Concello, e fan caso omiso.", asegura Alfonso.
A derruba ocasionou danos na súa vivenda.
"Foi como se caera un castelo de naipes, saímos correndo porque pensamos que caía todo embaixo", lembra Teresa.
Aínda que hai informes que sosteñen que non hai perigo, Teresa e Alfonso non se atreven a regresar á casa: "Só comprobaron o seu estado de maneira visual. Dixeron que estaba estabilizado en abril de 2022 e oito meses despois caeu todo". Por iso, asegura a afectada, que os informes non lle ofrecen "ningunha credibilidade".
A parella leva dende xaneiro vivindo con familiares e quéixanse de que non se acometaran as obras para asegurar a zona, que está protexida por Patrimonio por estar a carón da torre do Castro, declarada Ben de Interese Cultural.
"Levamos oito meses coa nosa vida trastocada por completo", sinalan.
Dende o Concello afirman que xa recibiron o visto e prace de Patrimonio tras modificar o proxecto e que sacarán a concurso as obras para acometalas o antes posible.