Publicador de contidos
Publicador de contidos

Ojea confirma a súa abstención pero pídelle a Rueda un "cambio de actitude"

Ojea confirma a súa abstención pero pídelle a Rueda un "cambio de actitude"

O deputado de Democracia Ourensana insta ao candidato do PPdG a rematar coa "discriminación" que sofre a provincia e ironiza coa creación dunha concellería en Ourense para "darlle tralla á Xunta"

O deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, dá a réplica ao candidato do PPdeG
G24.gal 11/04/2024 11:22 Última actualización 11/04/2024 17:44

O deputado de Democracia Ourensana (DO), Armando Ojea, confirma que se absterá na sesión de investidura de Alfonso Rueda como presidente da Xunta pero pediulle ao candidato popular que "interiorice" que Ourense está discriminada e "cambie de actitude" con respecto a esta provincia.

Na súa réplica ao presidente en funcións da Xunta na segunda sesión do debate de investidura, Ojea confiou en que "non siga a liña do seu predecesor", Alberto Núñez Feijóo, xa que "o xeito en que se levaban facendo as cousas non nos gusta".

O deputado de Democracia Ourensana -único integrante do Grupo Mixto- dixo que "non vai bloquear" o seu nomeamento, algo que tampouco pode facer co seu único voto, pero pediu ao candidato un cambio de talante.

Armando Ojea afeoulle a Rueda que o pasado martes fixera un discurso "centrífugo" -cara a fóra- centrado máis nas críticas ao Goberno central que aos problemas de Galicia. Ironizou co anuncio de creación dunha dirección de Asuntos Constitucionais e advirte que poderían copiar a idea e crear no concello de Ourense un departamento para "darlle tralla á Xunta".

O único integrante do Grupo Mixto -que debuta esta lexislatura no Parlamento- gastou os 35 minutos que lle correspondían para a súa intervención. Aproveitou a súa alocución para facer unha "carta aberta" a Rueda en que detallou as demandas do seu grupo ao futuro presidente da Xunta:  máis servizos sanitarios para todas as áreas comarcais, a autovía entre Celanova e Portugal, ou ampliar o campus universitario de Ourense e os polígonos industriais.

Ao concluír a súa intervención, o líder de DO e alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, e os seus acompañantes, que seguían o discurso desde a tribuna de convidados, amagaron con aplaudir a Armando Ojea. O presidente do Parlamento, Miguel Santalices, advertiulles de que non está permitido. Ojea suxeriu: "Pódome aplaudir a min mesmo?", ao que Santalices replicou cun sorriso: "Home, non é o habitual (...) Por hoxe xa lle chegou".

Na sesión de tarde, na súa segunda réplica, Armando Ojea reivindicou o valor da presencia de Democracia Ourensana no Parlamento galego. A diferenza dos oito deputados ourensáns do PP, dixo, el non está "por Ourense" senón "por e para Ourense".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade