A gota fría deixa once mortos en Turquía, Bulgaria e Grecia
A gota fría deixa once mortos en Turquía, Bulgaria e Grecia
As chuvias torrenciais asolagan a cidade grega de Volos
As precipitacións sen precedentes causaron graves danos en infraestruturas e vivendas
Polo menos once persoas morreron, cinco desapareceron e decenas quedaron feridas debido ás inundacións que afectan a Grecia, Turquía e Bulgaria e que causaron enormes danos en vivendas, estradas e infraestruturas.
Grecia: dous mortos e un desaparecido
En Grecia, que ata a semana pasada sufriu os peores incendios forestais en quince anos, os meteorólogos falan do fenómeno máis extremo que viviu o país desde que hai rexistros de precipitacións.
Na localidade de Zagora rexistráronse 754 litros por metro cadrado nun prazo de 18 horas, un máximo histórico.
Neste país morreron xa dúas persoas, mentres segue desaparecido un home cuxo vehículo foi arrastrado por un torrente.
Os bombeiros tiveron que rescatar, mesmo con balsas, ducias de persoas atrapadas en Volos, unha cidade de 150.000 habitantes e capital da rexión de Magnesia, que está completamente asolagada.
A maior parte da urbe atópase sen electricidade nin subministración de auga, mentres que os danos na rede de estradas de toda a rexión son extensos.
O temporal está a afectar tamén ás rexións de Trikala, Karditsa, e Ftiótide, en Grecia central, onde as autoridades decidiron evacuar preventivamente varias localidades.
Turquía: seis mortos e dous desaparecidos
En Turquía, polo menos seis persoas morreron e outras dúas seguen desaparecidas debido ás riadas que afectan a distintas partes do país, especialmente á zona fronteiriza con Bulgaria e a Istambul.
Nalgúns distritos da metrópole eurasiática rexistráronse onte precipitacións de ata 130 litros por metro cadrado nun prazo de 24 horas, uns niveis afastados dos máximos históricos no país pero que os expertos cualifican de "desastrosos".
"A choiva caeu especialmente na parte norte, nas rexións entre Kırklareli (fronteiriza con Bulgaria) e Istambul", explicou hoxe Begüm Celikdelen, responsable do servizo de augas de Istambul.
Estas choivas poden contribuír a paliar a crise de subministración que vive Istambul debido á seca, onde os pantanos caeran nos últimos días por baixo do 30 % da súa capacidade.
"Observamos que a auga está a entrar nas presas desde algúns ríos pequenos, pero como mellorará o nivel da auga poderémolo medir mañá", sinalou Celikdelen.
Dúas persoas morreron polas riadas en Istambul, onde miles de casas, varias estacións de metro e un hospital quedaron asolagados.
En Kırklareli, no extremo noroeste de Turquía, localizáronse dous cadáveres, tras os dous atopados onte, dun grupo de doce persoas que quedou atrapado nun hotel e foron arrastrados pola riada.
Outras dúas persoas dese grupo seguen hoxe desaparecidas.
O ministro do Interior Ali Yerlikaya sinalou que en todo o país 31 persoas quedaron feridas debido ás inundacións, das que oito seguen hospitalizadas.
Bulgaria: tres mortos e aínda non teñen cifras de desaparecidos
En Bulgaria localizouse hoxe un terceiro cadáver nas inmediacións do municipio de Tsarevo, na costa do mar Negro e próximo á fronteira con Turquía.
O alcalde da localidade Georgi Lapchev xa advertiu onte á noite de que pode haber máis vítimas, xa que se descoñece o número de desaparecidos tras desbordarse un río.
"Ninguén viu xamais esta cantidade de precipitacións nesta zona. Provocaron unha marea que chegou moi rápido e arrastrou coches. A auga segue chegando", afirmou.
O primeiro ministro Nikolay Denkov asegurou que se trata de "desastre natural" e dixo que os 300 litros de auga por metro cadrado rexistrados nalgunhas zonas en 24 horas é algo que ocorre moi raramente, informa o portal novini.bg.
Os equipos de emerxencia están a traballar para despexar as estradas que quedaron cortadas pola caída de árbores ou por desprendementos de terra e rochas e para bombear de forma controlada a auga de dous encoros para evitar que se desborden.
Os bombeiros tamén están drenando as plantas baixas de casas particulares e hoteis nunha zona moi turística da costa búlgara do mar Negro.
A ministra de Turismo Zaritsa Dinkova indicou, tras reunirse cos hostaleiros, que unhas 4.000 persoas están afectadas nesta zona.