Os actos violentos aumentan na última semana no barrio dos Duráns, en Vilagracía
Os actos violentos aumentan na última semana no barrio dos Duráns, en Vilagracía
Os veciños queren maior presenza policial e que o Concello aperte ao propietario do inmoble para que presente a demanda de desafuizamento
Escenas de violencia repítense con frecuencia no barrio dos Duráns, en Vilagarcía. A presenza dunha vivenda ocupada, onde, segundo denuncian, trafican con drogas, dá lugar a enfrontamentos.
"O luns pola noite un home tratou de tirar a porta abaixo, bastante alterado e fóra de si. E o sábado pola tarde este mesmo individuo volveu algo máis alterado e volveu intentar tirar a porta abaixo", di un veciño da rúa Os Duráns.
E non só iso, a poucos metros de alí aínda pode verse a pegada doutro episodio violento que ocorreu na madrugada do domingo.
"Unha pelexa nun portal que está cheo de sangue, e incluso estragaron un coche. Ese é o noso día a día desde hai máis de cinco anos".
Os veciños están preocupados polo incremento destes actos violentos. Para evitar que se repitan, piden solucións.
Entre elas, os afectados solicitan maior presenza policial e que o Concello aperte o propietario do inmoble para que presente a demanda de desafuizamento e solucionar así estes problemas.
E piden que se faga axiña para recuperar canto antes a tranquilidade no barrio.