Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os adeuses que nunca debeu dicir Galicia, por Venancio Salcines

OPINIÓN

Os adeuses que nunca debeu dicir Galicia, por Venancio Salcines

G24.gal 26/01/2023 08:02

Onte o presidente Rueda presentou en Ferrol a Estratexia Retorna 23-26. Este proxecto, que implica a maioría das consellerías do Goberno autonómico e lidera directamente o Presidente coa coordinación do secretario xeral de emigración Antonio Miranda, está a converterse nun modelo para estudar e imitar. Por que? É política migratoria legal, da boa, da que se reclama dende a cidadanía, pero é algo mais, é unha mensaxe de país, quizais o máis evidente e o que debería conseguir máis consenso.

Galicia coa Estratexia Retorna está a traer de volta os nosos, os que marcharon. Está a pagar unha débeda eterna, unha débeda do país con aqueles que tiveron que dicir adeus á terra para buscar novos espazos de prosperidade. As nais nunca deben dicir adeus a un fillo e Galicia dixo demasiadas veces adeus.

A nova Estratexia Retorna ten novidades, e entre elas a Cualifica Emprego, unha achega que nace da Consellería de Emprego liderada por María Jesús Lorenzana. En que consiste? Esencialmente en intentar cubrir os postos de traballo de difícil ocupación con galegos da diáspora. Por iso, xa a Xunta, con as dúas entidades que están a acompañala, Fundación Salcines e Fundación Nortempo, están falando co tecido empresarial e facendo un listado dos perfís que quedan sen cubrir. Estes van, neste momento, dende técnicos forestais a empregados da construción ou profesionais da informática. Con este listado, empezará unha ampla campaña de divulgación nos países onde temos unha maior concentración de galegos. Crease un novo mercado de traballo, ofertas laborais galegas fronte a demandantes galegos no exterior.

As persoas seleccionadas terán un apoio nunca visto nun programa de retornados español, recibirán unha pasaxe de avión e diñeiro para os primeiros gastos. Todo isto cun equipo humano, achegado pola Xunta, preocupado pola integración laboral, familiar e social do retornado.

Galicia agora si pode pagar as súas débedas cos seus. Xa non somos a rexión subdesenvolvida dos cincuenta, somos unha autonomía apoderada e orgullosa do seu.  Co anterior programa comezou a saldar as contas pendentes; con isto dá un paso máis, inicia un novo camiño: traelos de volta cun posto de traballo, cun futuro. Galicia é futuro e quéreo compartir cos seus, estean onde estean.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade