Os atrasos nun voo a Santiago atrapan un cento de pasaxeiros en Lanzarote
Os atrasos nun voo a Santiago atrapan un cento de pasaxeiros en Lanzarote
Levan case 24 horas no aeroporto de Lanzarote esperando o embarque
Os festivos, os venres, domingos e luns, hai folga de tripulación de cabina en Vueling
O voo VY3136 tiña que saír este mércores á tarde de Lanzarote con destino Santiago. Pero a compañía Vueling atrasouno, e aí comezou a odisea.
"Tivemos que estar aquí ata as 23:30, esperando por un voo que finalmente non saíu", comenta Marcelino, un coruñés que regresaba das vacacións.
Conta Marcelino que a medianoite mandáronos para un hotel, e que esta mañá volveron cedo para o aeroporto.
"A saída estaba prevista ás 10:20, que pasaron a ser as 11:15 e logo as 11:25", explica. "Cando por fin marcaron á porta de embarque, volveron dicirnos que non hai voo", engade.
E alí seguen atrapados cousa dun cento de pasaxeiros. Entre eles os do Teucro de Pontevedra, que volven dun partido en Lanzarote.
"Aquí seguimos tirados dende onte, e a 48 horas de ter que competir outra vez", quéixase o xogador Marco Dzokic.
Din que dende a compañía aérea non lles dan explicacións, pero cren que detrás destes atrasos está a folga dos tripulantes de cabina convocada en Vueling.