Os bancos históricos da Alameda de Santiago, vítimas da moda dos cadeados
Os bancos históricos da Alameda de Santiago, vítimas da moda dos cadeados
Están amarrados nos respaldos, fabricados por Sargadelos no século XIX
O Concello mandou retiralos para evitar o efecto chamada desta moda
Fabricados no 1870 na fundición de Sargadelos, os bancos son unha xoia patrimonial da Alameda de Santiago. Algo que seguramente non pensaron os que decidiron colgarlles cadeados nun suposto xesto de amor.
"Suponse que simboliza a unión das parellas, queda pechada co cadeado"; "Non queda estético e estraga as cousas históricas"; "Paréceme unha moda absurda, estanse estragando monumentos en todo o mundo con estes rituais", comentan algúns viandantes.
O Concello xa deu orde de retiralos. Non é a primeira vez que aparecen e temen que a súa presenza invite a que outros sigan o ritual.
"Hoxe hai un, mañá outro o copia, despois xa son cinco e así sucesivamente"; "Pensas que non pasa nada, pero logo hai que pagar a xente para que os recolla e podes danar os monumentos"; "Os turistas moitas veces non somos conscientes e seguimos algunhas parvadas que vemos".
Varandas que ceden co peso, oxidación... hai cidades que tiveron que tomar medidas ante a expansión dos cadeados. Nalgunhas mesmo optaron por buscarlles un sitio específico.
"Poñelos en calquera sitio non, pero buscar un lugar onde recoller ese sentimento me parece ben, é algo bonito", di un turista.
Todo comezou por unha novela de Federico Moccia, onde os namorados pechan un cadeado e tiran a chave ao río. Agardemos que, desta volta, non haxa que ir buscar as chaves ao estanque da Alameda.