Os Bolechas van de xira este Nadal co Crebanoces
Os Bolechas van de xira este Nadal co Crebanoces
Visitarán Santa Comba, Vimianzo, Abadín, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e As Pontes
Un espectáculo para fomentar a ilusión e o uso do galego entre a rapazada
Un ano máis, e van 10, os Bolechas percorren Galicia polo Nadal. E desta volta teñen un convidado alemán, o Crebanoces. Xuntos aprenderán o valor de coidar dos dentes, e tamén da lingua, a galega.
"Eu aprendin moitos idiomas porque viaxo moito polo mundo, e o que máis me gusta é o galego" explica o Crebanoces.
Pola súa banda, Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística, anima as familias para que leven os nenos ao espectáculo "que se fará en concellos da nosa rede de normalización lingüística: Santa Comba, Vimianzo, Abadin, Verín, Viana do Bolo, Negreira, Trazo e as Pontes".
Este espectáculo familiar é xa un clásico do Nadal. Tamén dos nadais de pandemia, porque a Braulio, a Sonia, a Tatá ou a Chispa non hai quen os pare.
"Grazas por estar nos momentos duros, cando fan falta as persoas. Seguimos e seguiremos o ano que vén, con toda a cativada, que é a que nos motiva", di Xaime Arias, director de Proxección Social da TVG.
A xira comeza este sábado en Vimianzo e remata o 4 de xaneiro nas Pontes. As entradas son de balde ata completar ocupación e a diversión está asegurada... "Bo Nadal e coidado cando comades noces" conclúe o Crebanoces.