Soben a 5 os falecidos en Valencia; os bombeiros buscan máis vítimas no interior do edificio
Soben a 5 os falecidos en Valencia; os bombeiros buscan máis vítimas no interior do edificio
Balance provisional: 15 feridos e 14 desaparecidos
Valencia pon 131 vivendas novas á disposición dos afectados
Sánchez ofrece toda a axuda necesaria a Valencia ante a terrible traxedia
O número de mortos polo incendio dun edificio de vivendas do barrio de Campanar de València elévase a cinco, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza da Comunitat Valenciana despois de que o xulgado de garda abrise dilixencias e decretado o secreto das actuacións.
Segundo un comunicado do TSXCV, a comisión xudicial desprazouse ao lugar do suceso para realizar o levantamento dos restos mortais de cinco posibles vítimas.
Catro das seis persoas que quedaban ingresadas tras resultar feridas no incendio do edificio recibiron o alta ao longo da mañá deste venres. As dúas persoas que quedan hospitalizadas son dúas dos bombeiros que foron asistidos polos servizos sanitarios de emerxencias.
Os bombeiros acceden ao edificio
Envoltos por un lume voraz, os edificos de Campanar son hoxe dous esqueletos de formigón que seguían fumegando á primeira hora da mañá.
Houbo que arrefriar a fachada, baixar temperatura e asegurar a estrutura. Antes de captar a imaxe dos primeiros bombeiros entrando no edificio cunha prioridade: localizar as vítimas atrapadas polo lume. A Policía Científica e a UME axuda nos labores de busca.
A delegada do Goberno na comunidade valenciana, Pilar Bernabé concretaba que "a busca dos cadáveres corresponderá ao corpo de bombeiros e a Unidade Militar de Emerxencias. E a policía científica fará a identificación"
Os catro primeiros cadáveres localizábanse de noite con drons. O Instituto de Medicina Legal reforzouse. "Hai catro equipos de forenses para o que poida vir de aquí en adiante", explicaba Elisa Núñez, conselleira de Xustizada da Generalitat Valenciana.
Entre os desaparecidos hai unha parella cun fillo menor e un bebé. As familias agardan noticias no campamento base, onde se coordina o operativo. Dos 15 feridos permanecen hospitalizados cinco, catro deles bombeiros.
Para Carlos Mazón, presidente da Generalitat Valenciana, "se hai algunha boa noticia esta mañá é que non corre risco a vida de ningunha desas quince persoas. Sete foron bombeiros, o que dá unha mostra do esforzo. Son queimaduras, algunha rotura dun brazo por precipitarse algún momento".
Esforzo que segue. Coas pegadas que recolla a Científica comezará a investigación que determinará a orixe do lume.
Valencia pon 131 vivendas novas a disposición dos afectados
A alcaldesa de Valencia, María José Catalá, puxo a disposición dos afectados polo incendio un edificio de nova construción que adquiriu o Concello de 131 vivendas a estrear, con luz e auga e en cuxo equipamento traballan xa coa colaboración de varias empresas.
Catalá subliñou que así o aprobou a Xunta de Goberno Local este venres e que o Concello traballa nunha solución para os próximos meses, "porque hai xente que o perdeu todo e non queremos que teñan nin un minuto de incerteza", dixo, ademais de avanzar que acordarán coa Generalitat medidas de carácter económico e de vivendas.
Os veciños recollen roupa, alimentos e útiles para os afectados polo incendio.
Sánchez ofrece toda a axuda necesaria a Valencia ante a terrible traxedia
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ofreceu ao Concello de Valencia e á Generalitat toda a axuda necesaria ante a "terrible traxedia" que se vive tras o incendio e sinalou como prioridade a procura de vítimas e salvagardar a seguridade dos servizos de bombeiros e emerxencias.
Sánchez, que se desprazou a Valencia, compareceu brevemente ante os medios de comunicación flanqueado pola alcaldesa da cidade, María José Catalá, e o presidente da Generalitat Valenciana, Carlos Mazón, tras coñecer os últimos datos.
"Estamos aquí para prover de axuda, de todo tipo de servizos ás dúas administracións, concello e comunidade; para responder ao urxente e, posteriormente clarificar que sucedeu e poder axudar a sobrepoñerse aos familiares desta terrible traxedia", afirmou Sánchez
Tras insistir na colaboración e cooperación de todas as administracións, trasladou en nome do Goberno e do conxunto da sociedade a súa "solidariedade, agarimo e empatía" aos familiares das vítimas.