Os bombeiros da Coruña rescatan unha muller maior que levaba case un día pechada no baixo onde vive
Os bombeiros da Coruña rescatan unha muller maior que levaba case un día pechada no baixo onde vive
Os seus berros de auxilio alertaron unha veciña, que foi quen deu aviso
Momentos de angustia foron os que viviu Gladis ao outro lado da porta do baixo onde vive desde hai tres meses. "Non atopaba a chave que abría a porta", comenta a muller.
E alí estivo pechada case vinte e catro horas. Ao final da tarde deste domingo logrou que alguén escoitase os seus berros de auxilio. "Petei na porta e berrei que por favor me sacasen de alí", engade Gladis.
"Ela levaba toda a mañá chamando porque con todo o que ten aí dentro non atopaba a chave. Pasaba unha señora e, ao escoitar os seus berros, chamou á policía", conta unha veciña.
Os axentes, ao comprobar que non podían acceder ao interior, alertaron aos bombeiros. "Tiraron a porta. Estiveron aí máis dunha hora", di unha veciña.
"Eu estaba moi mal, Case non comera... e tiña unha angustia pola chave...", conta Gladis.
Ao lugar desprazouse tamén unha ambulancia medicalizada, que, tras atendela no lugar, decidiu trasladala ao hospital. Tras pasar alí a noite, Gladis volvía esta mañá ao barrio da Sagrada Familia, onde os seus veciños quedaran preocupados.
"Porque a coñecemos desde hai moitos anos. Conversamos con ela, dámoslle cariño...". "Ten que ir a un centro. Non pode estar así. Aí non pode vivir ninguén", aseguran os veciños.
Amais de liberala, os bombeiros tamén deron conta da situación de Gladis aos Servizos Sociais.