Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desaloxan un edificio de Fisterra por perigo de derrubamento

Desaloxan un edificio de Fisterra por perigo de derrubamento

O edificio presentanba danos estruturais importantes

Os expertos din que poderían estar provocados pola humidade e por defectos construtivos

G24.gal 06/06/2024 14:13 Última actualización 06/06/2024 14:32

Contra as tres da tarde do mércores os bombeiros de Cee recibían unha chamada dun particular alertando de que acababa de producirse un derrubamento no terceiro andar deste edificio da travesía de Corveiro, en Fisterra. Parte da placa do cuarto andar caeu nunha estancia do terceiro.

Rubén Suárez, cabo do parque de bombeiros de Cee, di que unha muller que vivía neste piso necesitou ser atendida por unha ferida nun pé. Asegura que tivo moita sorte porque lle caeu a medio metro da cabeza.

Tras revisar o estado de todas as vivendas e realizar varias catas, os bombeiros e un arquitecto contratado pola comunidade recomendaron desaloxar as dezasete vivendas debido á gravidade dos danos estruturais.

Rubén Suárez, cabo do parque de bombeiros de Cee, asegura que no tempo que estiveron alí "as fendas abríronse moito máis e as placas do terceiro andar e do resto de piso comezaron a ceder." Uns danos estruturais moi graves que os levaron a desaloxar o edificio.

Unha decisión necesaria pero moi difícil, tamén para os bombeiros. Rubén Suárez di que "este tipo de decisións son moi complicadas porque os afectados teñen que deixar toda unha vida no interior das vivendas". De feito apunta que tiveron que chamar ao 061 porque varios veciños tiveron crises de ansiedade e incluso esvaementos.

A pesar das recomendacións e do perigo inminente, os veciños dos baixos non quixeron abandonar as súas vivendas. O resto dos veciños durmiron en casas de familiares e hoxe acudiron a recoller diversas pertenzas. Seguen moi afectados porque non saben se poderán volver ás súas vivendas. Non quixeron facer declaracións.

O concello de Fisterra púxose á súa disposición para axudalos en todo o que precisen.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade