Os cardiólogos recomendan que as mulleres revisen o corazón a partir dos 45 anos
Os cardiólogos recomendan que as mulleres revisen o corazón a partir dos 45 anos
As revisións son clave para previr infartos
As enfermidades cardiovasculares son a principal causa de morte das mulleres en España
No ano 2022 en España morreron por esta enfermidade case o dobre de mulleres que homes
Saímos á rúa e preguntamos se os infartos provocan máis mortes nos homes ou nas mulleres.
"Ao mellor, os homes".
"Eu penso que os homes".
"Homes".
"Pois eu penso que os homes".
Esta é unha percepción que teñen case o 80 % dos españois, pero é de todo errónea.
"No noso país as mulleres morren máis que os homes por infarto de miocardio, iso sen dúbida", responde con contundencia Mila Pedreira, cardióloga e coordinadora da Unidade Cardiovascular na Muller no CHUS
De feito, é a principal causa de morte nas mulleres no mundo occidental. É por iso que a partir dos 45 anos os cardiólogos recomendan facer revisións de corazón de xeito periódico.
"Paréceme moi ben, si, si, si".
"Todo o que sexa previr...".
"Apuntaríame de cabeza", opinan varias mulleres.
A etapa máis perigosa é a partir da menopausa, que é cando a produción de estróxenos baixa e deixan de protexer as arterias. A utilización da tecnoloxía 3D a través de ecografías vasculares axuda a atinar os diagnósticos, pero son eficaces os métodos convencionais.
"Unha revisión onde se considere unha analítica cun perfil de colesterol, de glicosa, de tensión arterial, son 4 cousas que poden alertar e poden facer que cambies o estilo de vida para mellor e pódese prever e previr esa situación de risco", explica a cardióloga.
A diabetes xestacional, o parto prematuro ou o nacemento de bebés con pouco peso están relacionados con futuros problemas cardiovasculares. As mulleres tenden a minimizar os seus síntomas, pero xa é hora de que tomen conciencia.
"É o momento tamén de que a muller pense un pouco máis en si mesma, mire a súa saúde, cambie o estilo de vida para ben e atenda a súa situación de saúde para evitar precisamente problemas futuros", apunta Mila Pedreira, cardióloga e coordinadora da Unidade Cardiovascular na Muller no CHUS.