Os catro falecidos no incendio de Vigo morreron por asfixia, segundo a autopsia
Os catro falecidos no incendio de Vigo morreron por asfixia, segundo a autopsia
Un chispazo no cadro eléctrico do portal, que tiña enganches irregulares, puido ser a causa do incendio no número 6 da rúa Alfonso X o Sabio
Segundo a investigación, todo apunta a que os falecidos no incendio baixaban do cuarto andar á rúa buscando salvar as lapas, pero sucedeu xusto o contrario. O lume tiña o foco principal no portal do número seis da rúa Afonso X o Sabio de Vigo. Custa identificalos, agora queimados, pero no tiro das escaleiras e na entrada do edificio había moitos obxectos acumulados. Entre eles pneumáticos, unha moto, bicicletas e varias bombonas baleiras. Iso serviu de combustible para que o lume se estendera moi rápido.
Todo apunta a que o incendio foi fortuíto e non intencionado, como sospeitaban moitos dos veciños, sinalando un inquilino que causara problemas noutras ocasións. Pero non hai detidos nin investigados, de momento.
A Policía Científica, aínda con todas as hipóteses sobre a mesa, apunta a un fallo, un posible chispazo no cadro eléctrico do portal como desencadeante do incendio. No edificio, ocupado ilegalmente, as casas tiñan cortada a luz e a auga, os veciños facían enganches irregulares e perigosos para ter subministracións sen pagar a factura. Xa houbera outros pequenos incendios hai meses nese cadro supostamente manipulado.
Os investigadores non atopan gasolina, combustible nin acelerante ningún no lugar do suceso que poida facer pensar que alguén prendeu lume intencionadamente. Tampouco as cámaras de seguridade da zona da rúa Afonso X o Sabio localizan ningún sospeitoso de madrugada. Varios veciños seguen hospitalizados.
A autopsia dos catro falecidos ata o momento, unha muller de 30 anos e tres dos seus fillos menores, desvela que morreron por asfixia, por inhalación de monóxido de carbono.
Os bombeiros xa advertiran do risco do inmoble. "O problema sucedeu cando a xente se asustou ao empezar a cheirar a fume e quixo saír das vivendas", explica Gerardo Alonso, bombeiro de Vigo.
As autopsias das vítimas conclúen que morreron por asfixia. Ao intentar fuxir do incendio atopáronse co fume que avanzaba polas escaleiras. Os bombeiros rescataron outros doce veciños que se refuxiaran nun cuarto. "Unha muller e tres dos fillos estaban no descanso entre a terceira e cuarta planta. O marido da señora falecida estaba agarrando a súa filla desde a fiestra do cuarto andar. Rescatamos primeiro os bebés cunhas mantas e despois o resto das vítimas", relatou.
Baleirado polos afectados das súas pertenzas, todo está preparado para tapialo.