Concellos de Galicia recollen alimentos e roupa para enviar a Valencia
Concellos de Galicia recollen alimentos e roupa para enviar a Valencia
Precisan, sobre todo, produtos non perecedoiros, conservas, auga, mantas e cueiros
O concello de Mos asume o custe do alugueiro de xeradores eléctricos
Moitos concellos galegos, impactados pola desolación que está causando a dana, están recollendo alimentos e roupa para enviarlle ás persoas afectadas pola DINA.
En comunicación con distintas administracións locais e autonómicas do Levante español foron informados dos produtos que son agora mesmo máis necesarios.
A asociación de voluntariado Mos Axuda durante todo o ano coida a poboación menos favorecida do concello. Hoxe, tocados pola desolación que segue causando esta gota fría, activaron a recollida dos produtos que lles solicitan.
Precisan, sobre todo, alimentos non perecedoiros, conservas, auga, mantas, cueiros ou cargadores de móbiles. Toda a mañá foi un ferver de particulares que senten como súa a traxedia dos veciños do Levante.
O Concello de Mos asume o custodo alugueiro de xeradores eléctricos. Seis xa están en Valencia. Hoxe cargan cinco de grandes dimensións que mañá xa estarán no Levante. Cada un pode alimentar varios edificios e incluso centros médicos ou escolas.
"Tiven a posibilidade de falar co xefe de comunicación da alcaldesa e poder detallarme o máis necesario e que chegase o mais rápido que son os equipos que dan a posibilidade de dar corrente eléctrica", conta a TVG Nidia Arévalo, a alcaldesa de Mos.
Mos Axuda abriu as portas á mañá cedo e de xeito fluído a xente foi achegando produtos de primeira necesidade.
"Os produtos que nos indica a policía local de Valencia son a auga e os alimentos non perecedoiros, conservas, mantas, toallas, produtos de hixiene, cargadores de móbiles porque esa xente perdeuno absolutamente todo. E os bebés non teñen nada", explica emocionada Andrea Ramírez, que é a vicepresidenta da Asociación Solidaria Mos Axuda.
A mesma imaxe repítese en Santiago. Mesmos produtos a recoller por parte de Protección Civil e mesmo espírito solidario por parte dos composteláns.
"Veu xente nova, xente maior, pais co seus fillos. Algo continuo, continuo. Todo o mundo con moitas gañas de axudar", engade Begoña del Río, a coordinadora de Protección Civil en Santiago.
Tamén nas instalacións do Estadio de Riazor, na Coruña, ou en Ribeira, na comarca do Barbanza, xente anónima movida pola solidariedade achegouse aos puntos de recollida.