Publicador de contidos
Publicador de contidos

Alertan da venda de entradas falsas en Internet por 2.000 euros para a final da Eurocopa

Alertan da venda de entradas falsas en Internet por 2.000 euros para a final da Eurocopa

Os ciberdelincuentes aproveitan a revenda de entradas para espectáculos deportivos coma este, concertos ou festivais, co obxectivo de estafar os consumidores

G24.gal 12/07/2024 11:57 Última actualización 12/07/2024 12:08

A Asociación Española de Consumidores alertou da proliferación de anuncios de venda de entradas nas redes para ver a final da Eurocopa, unha práctica ilegal que está a facer que superen nalgúns casos 2.000 euros. Esta organización avisa de posibles fraudes que se poden producir.

Alertan que os ciberdelincuentes aproveitan a revenda de entradas para espectáculos deportivos coma este, concertos ou festivais, co obxectivo de estafar os consumidores.

Avisos e recomendacións

É frecuente que se poida vender o mesmo tícket varias veces en diferentes plataformas, segundo a asociación, e por iso incidiu na necesidade dunha normativa que evite este tipo de cuestións e limite a venda de entradas en canto ao número das que se poidan comprar e pola  súa personalización.

É dicir, que vaian con nome e apelidos e que estes datos sexan obrigatoriamente comprobados no acceso aos recintos nos que se vaian celebrar os concertos, festivais e espectáculos.

Deberíase perseguir tamén, ao seu xuízo, os portais que en Internet permiten esa revenda de entradas sen ningún tipo de control, porque "existen páxinas dedicadas á venda de produtos de segunda man que serven de plataforma para a revenda a prezos desorbitados ou para as propias fraudes que se cometen neste ámbito", segundo sostén.

Ata que non cambie a lexislación, é recomendable para os consumidores realizar a compra de entradas en páxinas fiables e das que se saiba que son as correctas.

En caso de revenda, a asociación aconsella pedir un número de teléfono do vendedor, falar con el e con iso verificar que o número existe; tamén, pagar o prezo en persoa e, se se dá un adianto, que sexa o máis baixo posible, nunca pagando o 100% do prezo.

Se se fai o pago "en liña" suxírese facelo a través de plataformas intermediarias como Paypal para garantir un reembolso en caso de problemas.

E coidado. Nunca presumir da nosa adquisición de entradas nas nosas redes sociais, porque os códigos QR pódense copiar e na revenda fraudulenta poderían estar a vender as nosas entradas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade