Os directivos de Pesqueiras Nores, chamados a declarar polo naufraxio do Villa de Pitanxo

O director xeral e o encargado da frota declararán como investigados ante a Audiencia Nacional o vindeiro 27 de novembro

Tamén están citados tres mariñeiros que formaron parte da tripulación do pesqueiro galego e tres tripulantes do buque portugués que prestou axuda no naufraxio

Familiares dos falecidos no 'Villa de Pitanxo' nunha manifestación (EFE) Familiares dos falecidos no 'Villa de Pitanxo' nunha manifestación (EFE)
G24.gal 19/11/2023 16:28

A Audiencia Nacional citou para declarar como investigados o próximo 27 de novembro, dous directivos de Pesqueiras Nores, armadora do pesqueiro Villa de Pintanxo, que naufragou en febreiro de 2022 nas augas canadenses de Terranova.

Trátase do director xeral da compañía, José Antonio Nores, e o responsable da frota da empresa, José Antonio Nores, pai e fillo. Os dous acudirán a declarar en calidade de investigados, pola súa presunta responsabilidade no naufraxio do pesqueiro.

Esta é unha dilixencia solicitada pola defensa das familias dos 21 falecidos, tras presentaren unha querela contra o capitán do barco e mesmo contra a propia armadora.

Ese mesmo día está previsto tamén que declaren tres mariñeiros, que foron parte da tripulación do Villa de Pitanxo en ocasións anteriores. Así mesmo, tamén foron citados por videoconferencia tres tripulantes do buque portugués Novo Virxe da Barca, un dos pesqueiros que acudiu en axuda do barco galego.

Investigación do naufraxio

O pesqueiro Villa de Pitanxo naufragou a 450 quilómetros das costas de Terranova, en febreiro de 2022. O accidente acabou coas vidas de 21 dos 24 mariñeiros a bordo, polo que as familias dos falecidos trataron de pescudar o que sucedeu.

Ao longo da instrución, o xuíz tomou declaración ao patrón do pesqueiro, Juan Padín, como imputado, ao seu sobriño Eduardo Rial e ao mariñeiro Samuel Kwesi, como testemuñas, ao seren os únicos que sobreviviron ao naufraxio. Tamén está imputada neste caso a armadora do pesqueiro.

A investigación xudicial ten como motivo a versión que ofreceu Samuel Kwesi, que contradicía o exposto por Padín e Rial e apuntaba a posibles neglixencias por parte destes últimos, que desencadearían a traxedia.

Tras tomarlles declaración, o maxistrado prohibiulle saír de España ao patrón do pesqueiro, retirándolle o pasaporte e impóndolle como media cautelar comparecer cada quince días na sede xudicial, ademais de estar localizado. Tamén se solicitou unha inspección ocular do barco, que se levou a cabo este verán.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade