Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os donos dun pazo de Ribadumia din que o Concello os obriga a cortar unha zona protexida

Os donos dun pazo de Ribadumia din que o Concello os obriga a cortar unha zona protexida

Denuncian que o alcalde de Ribadumia asina unha orde de execución para acabar cunha masa vexetal protexida que inclúe árbores centenarias e singulares

Imaxe deste martes do pazo de Quinteiro da Cruz, rodeado dun xardín botánico que ten premios relevantes
G24.gal 18/10/2022 13:27

Os donos do pazo de Quinteiro da Cruz,  situado no Salnés, piden ao Goberno municipal de Ribadumia que paralice un expediente relacionado coa masa vexetal que fai o peche perimetral deste espazo. O xardín botánico do século XIX que alberga, con especies de distintas procedencias, confírelle a esta propiedade un valor polo que xa ten recibido distincións moi relevantes. En primeiro lugar falan de anomalías de procedemento na notificación municipal.

"É unha orde de execución da alcaldía en que non hai procedemento administrativo, non nos deron ningún aviso, ningunha comunicación e deixáronnos en indefensión", di Beatriz Piñeiro Lago, copropietaria do pazo Quinteiro da Cruz, falando en nome de todos os donos.

Sostén a copropietaria que o que pretende o Concello é acabar coa masa vexetal que pecha o terreo do pazo.

"O Concello pide que cortemos todas as árbores, de máis de trescentos anos, incluso que forman parte do catálogo de árbores singulares. Non falan con Patrimonio e isto está protexido como patrimonio cultural".

No Concello de Ribadumia informáronnos de que o que piden é o cumprimento da normativa relacionada coa biomasa na franxa de protección ante incendios. Os afectados consideran que o seu xardín, ademais de espazo protexido, é en si unha barreira contra os incendios e teñen o asunto en mans dun avogado ao consideraren que parece que hai prevaricación.

"Teñen que paralizalo se non queren verse en máis problemas xudiciais. Eu vou loitar ata o final. Téñoo claro", conclúe Beatriz Piñeiro Lago.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade