Publicador de contidos
Publicador de contidos

González Casares pide revisar as áreas en que a CE quere prohibir a pesca de fondo

González Casares pide revisar as áreas en que a CE quere prohibir a pesca de fondo

O eurodeputado do PSdeG cre que a finais deste ano e o ano que vén se verá a despregadura total dos Fondos Next Generation en Galicia

González Casares considera que a solicitude dos familiares do Villa de Pitanxo á Comisión de Peticións para que se investigue o pecio debe estudarse e terse en conta  

G24.gal 14/09/2022 11:26

O eurodeputado do PSdeG Nicolás González Casares insiste en continuar coa presión ante a Comisión Europea para que non peche algúns dos caladoiros tradicionais dos barcos galegos que empregan artes de fondo. 

Nunha entrevista no Galicia por diante da Radio Galega, González Casares expuxo que Comisión Europea debe permitir volver revisar con criterios científicos a situación destes espazos naturais e valorar de novo se é necesario pechalos á pesca de arrastre. 

O obxectivo, segundo González Casares, é que se peche o menor número de áreas posible.

"Na mesma regulación cabe a posibilidade de que se faga unha revisión con criterios científicos e se se atopa que esas áreas están en boas condicións, abrilas novamente. Esa é a posibilidade que se abre e nós entendemos que esa revisión debería facerse canto antes".

O eurodeputado socialista cre que o dano á frota galega podería ser terrible de aplicarse esta medida, desde o porto de Vigo ao de Burela.

"A prohibición podería executarse de inmediato. Estase demorando porque está aínda en proceso de negociación. Temos que seguir facendo presión. É unha tirapuxa na que estamos metidos, pero que agora mesmo non pinta nada ben".

González Casares asegura que a Unión Europea achegará financiamento para a alta velocidade ferroviaria entre Vigo e o Porto.  

"O que é seguro é que no momento en que se inicie o AVE ou o tren de alta velocidade entre Vigo e o Porto, Europa vai estar aí. A comisaria europea de Cohesión díxonos onte que era unha infraestrutura crucial".

Tamén afirma que o goberno español está dando pasos no deseño da saída sur de Vigo e a conexión con Portugal e considera que para este proxecto é necesaria unha maior vontade política. 

O eurodeputado socialista asegura que España é o maior executor dos Fondos Next Generation dos países da Unión europea, pero matiza que a despregadura deste fondos é moi complexa. Agarda que unha vez superados os primeiros trámites burocráticos se acelere a súa execución. 

"A finais deste ano e no ano que entra veremos o despregue total dos Fondos Next Generation. O que acontece é que hai que apostar por proxectos que de verdade acheguen valor engadido a Galicia".

González Casares sinalou que este mércores, 14 de setembro, o Parlamento Europeo vota a revisión da directiva das enerxías renovables que incrementa a aposta por elas da Unión Europea. 

"Galicia ten un potencial moi grande, non só na produción de enerxía renovable, senón tamén nos procedementos industriais. Podemos ter novas empresas e novos traballos derivados desa transición. Temos unha oportunidade de país e os Fondos Next Generation deben dedicarse sobre todo a isto".

Sobre os proxectos de novos parques eólicos en Galicia, o eurodeputado socialista cre que cómpre mellorar os procedementos administrativos para a concesión de permisos e dialogar co ministerio de Transición Ecolóxica para modificar o Plan Eólico de Galicia que cre desfasado nalgúns aspectos. 

"Non se poden botar as redes en todo o territorio para poñer parques eólicos, pero tamén é certo que hai que aproveitar parte do territorio, onde xa existen estes parques e tamén na proximidade dos polígonos industriais para ampliar ou instalar xeradores de enerxía eólica".

Nicolás González Casares cre que debe atenderse a petición dos familiares das vítimas do Villa de Pitanxo ao Parlamento Europeo para que se investigue o pecio na liña do que pediu tamén a Audiencia Nacional.

"A miña posición esta clara: que se estude esa posibilidade e que se teña en conta. Creo que a Audiencia nacional acaba de dicir algo similar, que se reúna asesoramento científico para ver esa posibilidade. Deberiamos seguir ese camiño".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade