Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os familiares demandan que España poña medios propios para reactivar a busca dos desaparecidos

Os familiares demandan que España poña medios propios para reactivar a busca dos desaparecidos

Piden axudas para que os barcos da zona poidan deixar de traballar e seguir rastrexando

Queixanse da escasa comunicación oficial cos familiares 

G24.gal 17/02/2022 20:46

 Os familiares xa saben que non hai esperanzas de atopar a ninguén con vida. Pero pedíronlle ao ministro de Pesca que non dean por perdida o intento de recuperar os seus corpos.

"Pedímoslle por favor que non cese a busca. Que o goberno de España, Xunta e todos os organismos pertinentes poñan medios económicos para poder financiar outros buques tanto canadenses como os nosos pesqueiros. Que envíen se pode ser a Armada ou os medios que crean convenientes", reclamaba Kevín González, fillo do engraxador do barco.

Na reunión tamén estiveron presentes os alcaldes dos concellos dos tripulantes do Villa de Pitanxo. A alcaldesa de Marín sumábase a petición dos familiares para reactivar a busca.  

"Cando as inclemencias meteorolóxicas o permitan, cos medios do Canadá, cos buques pesqueiros que están alí, do xeito que se estime conveniente por parte do  ministerio. Que non se dea a batalla por perdida", dicía María Ramallo.

María José de Pazo, filla do xefe de máquinas, pediulle as autoridades que se poñan no lugar das familias, que entendan que queiran traer os corpos dos seus para a casa.

E reclaman tamén que mellore a comunicación coas familias. Quéixanse de que saben de máis noticias do que pasa en Terra Nova polos medios de comunicación e as redes sociais que polas canles oficiais.

"Que tal lle sentaría saber que deixan de buscar o seu irmán, o seu home ou o seu pai por un chío de Salvamento Marítimo do Canadá? Que nos informen. Estamos nas nosas casas totalmente desinformados", queixábase María José de Pazo.

"Din que van  intentar facer o máximo posible para resolver todo. Temos que esperar a ver se fan algo, pero non sabemos se o van facer agora, se o van facer mañá ou se o van facer", explicaba Cristofer González, fillo doutro dos tripulantes do Villa de Pitanxo.

 Lamentan non saber aínda se o seu ser querido está na lista de mortos ou de desaparecidos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade