Os famosos non poderán anunciar alimentos nin bebidas que se dirixan a menores
Os famosos non poderán anunciar alimentos nin bebidas que se dirixan a menores
A nova normativa afectará os horarios de protección reforzada e os espazos publicitarios de programas destinados ao público infantil
Regulará a televisión, contidos radiofónicos, salas de cinema e publicidade en Internet, redes sociais, webs ou aplicacións móbiles
Os famosos e influencers non poderán anunciar alimentos nin bebidas, aínda que sexan saudables, que se dirixan ao público infantil, segundo se desprende do Real Decreto do Ministerio de Consumo que sae este luns, 7 de marzo, a audiencia pública.
A norma, pola que o Goberno pretende establecer como criterio de medición os perfís nutricionais establecidos pola Organización Mundial da Saúde, prohibirá "a aparición nas comunicacións comerciais de nais ou pais, educadores, docentes, profesionais de programas infantís, deportistas, artistas, influencers, persoas ou personaxes de relevancia ou notoriedade pública, sexan estes reais ou de ficción, que pola súa traxectoria sexan susceptibles de constituír un modelo ou exemplo para as persoas menores de idade".
A nova normativa afectará os horarios de protección reforzada e aos espazos publicitarios de programas destinados ao público infantil. Así mesmo, regulará a televisión, contidos radiofónicos, salas de cinema e publicidade en Internet, redes sociais, webs ou aplicacións móbiles, cando os contidos e dirixan a menores de 16 anos.
A norma inclúe tamén limitacións na publicidade de medios impresos e nas embalaxes dos alimentos e bebidas. As empresas poderán ter a súa propia autorregulación a condición de que supoñan un marco de maior protección ao menor que a propia norma.
A normativa afecta a cinco categorías de produtos
Esta normativa afecta a cinco categorías de produtos que non poderán facer publicidade a menores independentemente do contido de nutrientes. A primeira categoría é a de produtos de confeitería de chocolate e azucre, barras enerxéticas e coberturas doces e sobremesas.
Ségueo o grupo de alimentos que inclúe pasteis, galletas doces e demais produtos de pastelería. Tampouco se poderán anunciar os zumes, as bebidas enerxéticas nin os xeados. Para o resto de categorías de produtos, establécese un límite de contido en nutrientes por cada 100 gramos.
Neste caso, poderanse anunciar a condición de que as graxas totais e saturadas, o azucre total e engadido e os niveis de sal se manteñan por baixo dos límites establecidos en cada produto.