Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os forenses conclúen que "a suma dos golpes" casou a morte de Samuel, que "non parece que se defendese"

Os forenses conclúen que "a suma dos golpes" casou a morte de Samuel, que "non parece que se defendese"

O corazón da vítima parou polo menos seis veces tras a agresión

EFE 05/11/2024 13:06 Última actualización 05/11/2024 14:49

O corazón de Samuel Luiz parou polo menos seis veces tras a agresión que acabou coa súa vida, segundo declararon este martes os médicos forenses encargados da autopsia.

A sección primeira da Audiencia Provincial da Coruña acolleu unha nova sesión do proceso contra cinco adultos para o caso da morte de Samuel Luiz o 3 de xullo de 2021, no que as acusacións piden penas de entre 22 e 27 anos de prisión.

No inicio da proba pericial declararon os médicos forenses encargados da autopsia, que explicaron que a súa conclusión é a "dunha morte por golpes múltiples no contexto dunha agresión".

"Non fomos capaces de atopar ningún foco contusivo nin ningún foco hemorráxico concreto que poida explicalo", detallaron respecto a que non é posible vincular o falecemento cun único golpe máis forte, senón que foron todos en conxunto os que o provocaron.

Segundo as testemuñas, saben que aquela noite quedou inconsciente no chan, unha persoa empezou as manobras de reanimación, que logo tiveron continuidade primeiro cunha ambulancia con soporte vital básico -sen médico- e despois con outra con soporte vital avanzado -con médico-.

Durante estes instantes, Samuel Luiz entrou en parada "en varias ocasións", aínda que non puideron precisar cantas, e logo o seu corazón parou outras tres veces na ambulancia mentres o trasladaban ao hospital, onde chegou ás 4:16 horas -a agresión produciuse ás 3 horas-.

Xa no hospital volveu entrar en parada, fixéronlle manobras de reanimación durante 90 minutos sen éxito e finalmente faleceu.

Os forenses enumeraron numerosas lesións por todo o corpo e detallaron que as provocadas na cabeza xeraron unha presión cranial que evitou a circulación sanguínea, polo que se produciu a morte cerebral.

Dixeron que "entrou en parada" en moitas ocasións, "desfibrilárono moitísimas veces" e puxéronlle numerosas medicinas, pero foi imposible lograr salvar a súa vida.

Entre as lesións, os expertos non atoparon ningún tipo de ferida defensiva, polo que aclararon que durante a agresión "non parece que se defendese".

Respecto a unha lesión no pescozo que tiña a vítima, apuntaron a que é compatible "cun mataleón non perfectamente executado", en referencia ao que supostamente fixo A. F.

Nesta sesión tamén declararon dous axentes da Policía Nacional que examinaron os móbiles de A. M., no que case todos os datos estaban borrados, e A. F.

Detallaron que aquela noite o que supostamente iniciou a agresión, D. M., fixo 13 chamadas e recibiu 6, mentres que A. M. recibiu 14 e fixo 2.

Os procesados realizaron varias procuras en xornais aquela mesma noite e exculpáronse en conversacións con amigos e coñecidos.

Segundo a súa declaración, K. A. S. contou de maneira espontánea que recollera o teléfono móbil de Samuel Luiz, un feito polo que as acusacións lle piden outros cinco anos de prisión, ao consideralo un roubo con forza.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade