Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os Franco volven poñer á venda a casa Cornide, na Coruña

Os Franco volven poñer á venda a casa Cornide, na Coruña

A alcaldesa da Coruña insta a Xunta a axilizar os trámites para a súa declaración como Ben de Interese Cultural

Este palacete foi sede do Concello da Coruña e foi expoliado pola ditadura franquista

G24.gal 14/09/2022 16:51

A familia Franco volve pór á venda a casa Cornide, na Coruña, un edificio que o concello quere recuperar para o patrimonio público.

 Na web do portal inmobiliario publicítase como unha "exclusiva propiedade do ano 1900, reformada en 1964 e en 2018". Detállanse todas as plantas das que está integrada, así como que consta de 11 habitacións, 13 baños e unha superficie total de 1.430 metros cadrados.  

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, instou a Xunta a axilizar os trámites de declaración como BIC do inmoble, solicitada "hai dez meses".

 "Espero que non esgote o prazo legal -24 meses- e que emita canto antes ese informe que nos axudaría a armar a demanda para a súa recuperación ao patrimonio público", dixo a alcaldesa.

Desde o grupo municipal do BNG mostraron o seu "asombro" porque se puxo de novo á venda un palacete que "foi sede do Concello da Coruña e que foi espoliado pola ditadura franquista".

A formación nacionalista urxe a presentación da demanda para recuperar a titularidade dun ben "que por elemental xustiza histórica debe reintegrarse ao patrimonio do concello". "Non se están cumprindo os preceptos da incoación do procedemento para catalogar a casa Cornide como BIC", engade tamén apuntando, entre outras cuestións, ao inventariado dos obxectos que contén.

Desde a Marea Atlántica instan o Goberno local a iniciar "dunha vez" a vía xudicial, como se fixo, lembran, para "recuperar" o pazo de Meirás. Tamén piden á Xunta que "acelere os trámites para declarala Ben de Interese Cultural". Respecto diso, incide en que hai "probas suficientes do valor histórico e patrimonial da casa Cornide e de que foi entregada ao Franco en fraude de lei". "Pero no últimos tres anos, non se deu ningún avance para recuperar para o público a casa natal do humanista José Cornide".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade