Os galegos aumentan o consumo de alimentos en bares e restaurantes malia a inflacción
Os galegos aumentan o consumo de alimentos en bares e restaurantes malia a inflacción
O consumo de comida e bebidas fóra do fogar subiu case un dezaseis por cento
Se durante este verán observou as terrazas de bares e restaurantes ateigadas de xente non é casualidade. Os datos máis recentes do panel de consumo alimentario do Ministerio de Agricultura así o confirman. É máis, sinalan a Galicia, Asturias e León como as zonas onde máis se saíu a consumir comida e bebida fóra da casa durante os tres primeiros meses deste ano. Un aumento de máis dun quince por cento con respecto ao ano pasado, malia a suba significativa dos prezos na restauracion.
"A xente coida o tema do lecer agora coma unha necesidade máis, coma comer ou manter a casa", comenta un cliente; "Ao final acabas gastando máis pero recórtalo noutros lados", explica outro.
Aínda que os indicios apunten a que o que máis se consome nas terrazas sexan cervexas e refrescos, as cifras oficiais dino ben claro: a bebida que máis se pide na hostalería é a auga. Os datos tamén apuntan a que os galegos aumentaron lixeiramente a súa visita a restaurantes, máis a cantidade de comida adquirida é, porén, inferior ao resto de España.
Saír a tomar algo nun bar ou restaurante en Galicia é case un sete por cento máis caro con respecto ao ano pasado, aínda así os galegos prefiren non quedar na casa, especialmente os maiores de sesenta anos e de maiores ingresos, que son os que máis optan por esta modalidade de ocio.