Os galegos en Valencia, a salvo: "Abrazámonos para que non nos levase a corrente"
Os galegos en Valencia, a salvo: "Abrazámonos para que non nos levase a corrente"
Os galegos que quedaron atrapados e outros que o perderon todo din que polo menos poden contalo
Rescatados 'in extremis', historias de superviventes que a poden contar
Non se coñece, de momento, ningún galego falecido nin desaparecido. No Centro Galego de Valencia estiveron ata esta mañá en alerta porque non daban localizado tres socios, pero finalmente conseguiron falar con eles e atópanse ben e a salvo. Iso si, si que atopamos testemuños de galegos que estiveron horas atrapados na estrada e outros que o perderon todo, pero que polo menos, din, están vivos.
Ruth, unha ferrolá e a súa familia estiveron no epicentro da traxedia. Con casa e dous negocios, unha vinoteca e unha produtora audiovisual en Paiporta, perdeuno todo, pero está alegre por estar viva. Contóunolo por teléfono sen apenas cobertura e cun fío de batería.
A riada converteu as estradas en pantanos. Chegando a Benetúser ían catro traballadores da Coruña en dúas furgonetas, quedaron atrapados igual que centos e centos de persoas. Un deles, Bayron, conta para a Radio Galega, a angustia e a desesperación. Nos altos das furgonetas conseguiron salvarse, así botaron máis de sete horas, sen luz, rodeados de auga, ata que os rescataron.
Entre a Garda Civil e o Exército, agarrados entre todos, facendo forza contra a corrente que os arrastraba, conseguiron saír. A un dos coruñeses tiveron que acabar sacándoo nunha embarcación. Quedaron sen os vehículos e sen as súas pertenzas, e continúan sen poder saír de Valencia, pero polo menos, din, poden contalo.