Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os gandeiros de carne denuncian que a industria os obriga a vender por debaixo dos custos

Os gandeiros de carne denuncian que a industria os obriga a vender por debaixo dos custos

A Asociación Gandeiros Galegos de Suprema denuncia a indefensión que sofren fronte ás industrias que, segundo os produtores, os obrigan a vender os animais por debaixo dos custos de produción, unha práctica prohibida pola Lei da cadea alimentaria

Nunha entrevista na Radio Galega, Santiago Rego pídelles ás administracións que habiliten ferramentas para que se cumpra a lei e que se inclúa a carne como alimento de primeira necesidade

G24.gal 19/04/2023 09:33

O presidente da Asociación de Gandeiros Galegos de Suprema, Santiago Rego, denuncia que as explotacións de carne de vacún de calidade están vendendo a perdas polo aumento dos custos de produción, os abusos dunha industria monopolista e os recortes na Política Agraria Común.

"Estamos nun monopolio por parte da industria. Preséntansenos contratos onde temos que asinar que estamos cumprindo a lei da cadea alimentaria, ou sexa, que estamos vendendo por debaixo dos custos de produción, e se non os asinas non che levan os animais. O gandeiro nesta situación está indefenso".

Santiago Rego pídelles ás administracións que habiliten un sistema que estableza en cada momento cales son os custos de produción da carne que sirva de referencia para todo o sector.

"Estamos indefensos porque non hai unha ferramenta administrativa para que se cumpra a lei da cadea alimentaria".

O presidente de Gandeiros Galegos de Suprema recoñece que os prezos da enerxía foi baixando nos últimos meses, pero os pensos (malia a baixada dos cereais), o plástico para ensilar e os fertilizantes para as praderías están en prezos moi elevados.

"Estes custos subiron estes últimos anos moito e o prezo da venda non subiu en proporción. Estannos afogando. Nós o que dicimos é que a repartición debe ser equitativa en todos os elos da cadea".

Santiago Rego pide que se inclúa a carne como alimento de primeira necesidade e que se elimine o IVE deste produto. Ademais alerta da redución dos ingresos das explotacións polos recortes das axudas no novo ciclo da Política Agraria Común (2023-2027).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade