Os gandeiros aspiran a chegar aos 56 céntimos por litro na negociación do prezo do leite
Os gandeiros aspiran a chegar aos 56 céntimos por litro na negociación do prezo do leite
A caída da produción e os altos custos de producción marcan esta negociación
Cada día pechan dúas explotacións leiteiras. As que seguen fano reducindo a cabana. 50.000 vacas sacrificadas no que vai de ano. Son datos a nivel español.
"Había que estar matando vacas para pagar facturas. As vacas que non cubrían as expectativas diarias de produción houbo que sacrificalas", explica Roberto López, dono dunha explotación en Lugo.
O resultado é unha forte caída na produción. Só no mes de agosto, preto dun 4 por cento.
"A culpa é da distribución, que no seu día non quixo pagarlle á industria un prezo maior para retribuírnolo a nós, e a industria, que é cómplice", engade este gandeiro.
Non hai leite polo que o consumidor pagará máis por el. Pero que pasa cos gandeiros? En marzo subíronlles os prezos, agora moitos negocian novos contratos, pero din que o prezo segue a estar por debaixo dos custos de produción.
"Subas moderadas, a industria ten que dar un golpe enriba da mesa, os portugueses acaban de ter unha suba do 8 céntimos porque quedaron sen leite, aquí téñeno que facer, xa o tiñan que ter feito", di Roberto López.
Eles piden 56 céntimos por litros, os que negocian agora están conseguindo que llelo paguen a 50 céntimos pero os que teñen contratos anuais só reciben 42 céntimos.
"Os que están cobrando máis non é pola negociación, é porque son grandes, están nas rutas das industrias, pero as industrias seguen marcando o prezo de forma unilateral, poñendo os contratos diante a xente para que os asine", explican desde Unións Agrarias.
Uns custos aos que se sumou a seca. O millo dobrou o seu prezo tras caer máis dun 30 por cento a produción deste cereal.