Os gandeiros piden axudas pola praga de rata toupa nos Ancares
Os gandeiros piden axudas pola praga de rata toupa nos Ancares
Din que hai máis de 4.000 hectáreas de pasteiros afectadas
A praga pode obrigalos a ter que mercar forraxes
Cavan galerías no subsolo para aniñar e comer a herba e deixan os prados ermos e co terreo inestable. Así actúan as ratas toupas que levan máis de dous anos criando nos pasteiros dos concellos dos Ancares. Coa suba das temperaturas saen do seu letargo e nas vindeiras semanas poden causar unha auténtica desfeita xa que ningún método de control das poboacións se amosou efectivo ata o de agora.
A presenza da rata toupa deteriora os pastos de xeito que perden cantidade e calidade e mesmo moitos dos animais acaban metidos nos rolos de herba ensilada. Así, os gandeiros teñen que mercar forraxes que, pola súa escaseza, teñen un alto prezo e disparan os custos das explotacións. Ademais, traballar coa maquinaria nos terreos afectados pode ser perigoso.
Nos Ancares hai máis de 4.000 hectáreas de pastos afectados pola rata toupa. Unha praga que aínda pode ir a peor nas vindeiras semanas pola suba das temperaturas. A ausencia de neve e xeada durante o inverno tamén facilitou o aumento da praga porque non provocou apenas mortaldade.