Os hostaleiros de Santiago piden cambios na recollida de lixo porta a porta
Os hostaleiros de Santiago piden cambios na recollida de lixo porta a porta
Os afectados ven necesario reaxustar horarios e ter información sobre a separación dos desperdicios
En Santiago xa está en marcha xa o novo sistema de recollida de lixo porta a porta nos negocios da zona histórica. Preguntamos aos hostaleiros como foron estes primeiros días.
"Tiña que pasar a recoller cartón, por exemplo ás oito e media, e non pasan ata as once e media. E despois os residuos que xeras a partir das once e media en que se recolle os orgánicos teñen que quedar dentro do local", cóntanos un.
Outro engade: "A zona vella supón un dez por cento de recollida de lixo en todo Santiago. Entón, o outro noventa por cento está sen colectores de lixo para poder reciclar".
Son algunhas das queixas que chegaron a Hostalería Compostela, unha asociación que reúne máis de seiscentos hostaleiros de Santiago.
O seu presidente, Thor Rodríguez, di que "seguen presentando a mesma problemática. Cociñas moi pequenas onde é moi difícil acumular lixo, os cinco colectores necesarios para esta reciclaxe. E a maiores os hostaleiros tiveron que buscar a saída do lixo porque pechaban as portas dos locais e o camión aínda non pasara". Nalgún caso, di. deixando os contedores na rúa sen recoller.
Reaxustar horarios é unha das demandas. O presidente de Hostalería.Gal, Lois Lopes, cre que deberían recollerse "á mesma hora envases, cartón e vidro. E afinar un pouco máis nos horarios e que cada rúa saiba cunha marxe de 20 minutos a que hora van pasar os camións do orgánico e dos restos".
Tamén piden campañas informativas para unha separación efectiva de residuos. No Concello recoñecen as dificultades no cambio, pero din que o sistema porta a porta vai polo bo camiño e agardan que se vaia adaptando ás necesidades do sector.