Os lobos entran nunha explotación de Mazaricos e deixan cinco animais mortos
Os lobos entran nunha explotación de Mazaricos e deixan cinco animais mortos
O resto da cabana segue estresada e sen producir leite catro días despois do ataque
A desfeita que deixaron os lobos nesta explotación gandeira de Cives, na parroquia mazaricá de Colúns, mantén as secuelas nesta cabana directamente e, en previsión, en toda a contorna. Estes animais seguen estresados e as vacas pararon de dar leite porque hai catro día entraron os lobos de madrugada e atacaron as presas máis fáciles.
Así nolo contaba o dono, que alertado polos berros, foi á corte e encontrouse cos becerros atacados polos lobos. "Eu desconfío de tres, pero ver só viu dous (lobos)".
Juan Carlos, o dono, móstranos imaxes do panorama que encontrou mentres vía como os dous lobos saían da explotación. Mataron dous becerros e a outros tres ocasionáronlles feridas tan graves que acabaron morrendo.
Outros dous vacúns que compartían o cortello atacado lograron sobrevivir da agresión. Preguntamos que lle dixeron os técnicos da Xunta ante a novidade que supón que os lobos entraran.
"Din que cada vez se acostuman máis aos humanos e fanse menos salvaxes", afirma.
Á parte da perda económica que supón a baixa de cinco animais para unha explotación familiar sen cobertura de seguro, o propietario incide no desgaste emocional que o ataque lles ocasionou. Aos seus 55 anos e máis de media vida dedicada a isto non vai esquecer o vivido o sábado pasado.
Este e, en xeral os gandeiros da zona de Mazaricos advirten de varios avistamentos de lobos onda casas e granxas nas últimas semanas. E despois do ataque sufrido nesta gandería instan os gobernantes a que adopten medidas para que o mantemento do lobo non sexa á custa do medio de vida das persoas dedicadas á gandería.