Os mariñeiros que rescataron os superviventes do Pitanxo declaran este mércores
Os mariñeiros que rescataron os superviventes do Pitanxo declaran este mércores
O xuíz tomará declaración aos tripulantes do Playa Menduiña Dous para aclarar as versións contraditorias do suceso
O xuíz da Audiencia Nacional que investiga o naufraxio do pesqueiro galego Villa de Pitanxo tomará declaración este mércores a partir das 9.30 a 13 mariñeiros do Playa de Menduiña Dous, o barco que trasladou a terra os tres sobreviventes.
O xuíz Ismael Moreno acordou chamar a sede xudicial aos tripulantes do devandito barco para aclarar un suceso sobre o que hai dúas versións contraditorias.
O mariñeiro ghanés Samuel Kwesi culpa o patrón do barco de forzar unha manobra perigosa e de non recoller o aparello cando llo pediron os mariñeiros, facendo que a auga entrara no barco. Kwesi dixo ademais que non se avisou a tripulación para que puxera os traxes de supervivencia e que só o patrón e o seu sobriño o tiñan posto.
Despois de escoitalo, o xuíz prohibiulle ao patrón saír de España, retiroulle o pasaporte e obrigouno a comparecer cada 15 días en sede xudicial.
Tanto o patrón, Juan Padín, coma o seu sobriño, Eduardo Rial, dixeron que o motor do barco e o motor auxiliar pararan de xeito repentino e iso impediulle recoller o aparello.
O patrón dixo ademais que axudara 10 mariñeiros a subir nunha das balsas salvavidas e que algúns levaban postos o traxe.
Ata o momento non puido recuperarse ningún corpo co traxe posto.
Os mariñeiros do Playa Menduiña foron testemuñas das conversas entre os superviventes horas despois do accidente, mentres os trasladaban a terra. Nun principio, declararon ante a Garda Civil que o patrón e o sobriño lle meteran presión a Kwesi para ocultar as neglixencias que provocaron o naufraxio.